Forestal

Prohibidas as queimas agrícolas e forestais polas condicións meteorolóxicas

As comunicacións e autorizacións de queima xa concedidas carecen de validez, segundo advirte a Consellería do Medio Rural

Campo Galego 10/04/2017 8:57 a.m.

As queimas de restos agrícolas e forestais quedan prohibidas en Galicia desde hoxe e ata novo aviso. As previsións meteorolóxicas para os próximos días e as condicións actuais de vento levaron á Consellería do Medio Rural a suspender as queimas. Esa decisión implica que todos os permisos xa concedidos quedan cancelados e carecen de validez.

A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control, especialmente nos días de vento.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde hoxe non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.

Este fin de semana rexistráronse lumes cunha superficie queimada superior ás 20 hectáreas en Cualedro, Vilariño de Conso ou en Lobios (Ourense).

Etiquetado
Ir a la portada