Brasil é xa o principal produtor de leite de América Latina, cuns 35 millóns de toneladas anuais, e o quinto produtor de leite no mundo, trala India, EEUU, a UE e China. Pero ese importante volume, superior á produción láctea de Alemaña, primeiro produtor da UE, segue sendo insuficiente para cubrir as necesidades dos seus 214 millóns de habitantes, polo que o país vese obrigado a importar produtos lácteos dos seus veciños, Arxentina e Uruguai principalmente, que contan cun trato arancelario preferente contra o que os produtores brasileiros están a loitar.
Brasil é o quinto produtor de leite no mundo, trala India, EEUU, a UE e China
Loading ad.Ad could not be loaded.
No ano 2022 produciuse unha caída na produción brasileira, debido a diversos factores, entre eles o clima e os altos custos de produción. Xunto á redución da oferta de leite houbo tamén unha caída no consumo.
As 1.800 industrias lácteas brasileiras repártense case a partes iguais entre cooperativas de produtores e empresas privadas, entre as que se atopan multinacionais estranxeiras como a suíza Nestlé, a mexicana Lala (Vigor), a neozelandesa Fonterra (DPA) ou as francesas Lactalis e Danone, e empresas brasileiras como Laticínios Bela Vista, Italac, Tirol, Jussara, Frimesa, Davaca ou Alvoar Lácteos, xurdida da unión de Embaré, Camponesa e Betânia.
O sector industrial está representado pola Asociación de Produtores de Leite (Abraleite) e a Organización de Cooperativas Brasileiras (OCB)
Loading ad.Ad could not be loaded.
Arredor do 40% do leite producido en Brasil é recollido por cooperativas e unha parte del é tamén transformado e vendido por elas. Entre as cooperativas locais, destacan polo seu volume CCPR, Aurora, CCGL, Cativa, Cemil, Cooperoeste ou Centroleite. Da integración das cooperativas Frisia, Castrolanda e Capal xurde UNIUM.
Balanza comercial negativa
Brasil é un país deficitario en produción de leite, o que o convirte en importador neto de produtos lácteos. O déficit comercial medra ao longo do ano a medida que empeoran as condicións das forraxes e cae a produción interna, aumentando a necesidade das importacións.
Brasil importa cada ano unhas 32.000 toneladas de queixo, 7.000 toneladas de manteiga e 75.000 toneladas de leite en po. O saldo comercial amosa un déficit no último mes de 181 millóns de litros equivalentes en leite, segundo os datos publicados pola Secretaría de Comercio Exterior de Brasil (SECEX).
O sector lácteo brasileiro non é actualmente un exportador importante no mercado global
O sector lácteo brasileiro non é un exportador importante no mercado global. Até outubro exportou unicamente 61,8 millóns de litros de leite equivalentes (fundamentalmente en forma de leite en po a Alxeria e queixo de baixo custo a Chile ou Rusia), fronte aos 1.767 millóns de litros equivalentes importados.
Arredor do 35% da produción de leite de Brasil destínase á fabricación de queixo: queixo fresco, mozzarela, requeijão, queijo prato e minas frescal. O consumo per cápita de queixo sitúase en 5,2 kg por habitante e ano, un 40% por baixo do promedio mundial da FAO, o que indica un importante potencial de crecemento.
Arxentina e Uruguai, principais axentes rexionais xunto co Brasil, están máis enfocados á exportación
Os brasileiros son grandes consumidores de requeijão e a graxa do leite destínase principalmente a producir este queixo fundido para untar, o que limita a produción de manteiga. A produción de leite desnatado tamén é limitada.
Altibaixos estacionais na produción
[caption id="attachment_213973" align="aligncenter" width="821"]
A produción de leite no país, practicamente estancada na última década, segue patróns climáticos cíclicos que afectan ás condicións dos pastos e as forraxes, os principais alimentos empregados para o gando. Así, a produción en 2022 caeu un 1,6% pola seca e a perda de calidade forraxeira, mentres a de 2023 subiu máis dun 3%.
De abril a xuño, os meses da estación seca, a produción brasileira cae
Brasil é un gran produtor e exportador mundial de millo en grao e soia pero estas materias primas teñen un alcance limitado na alimentación das vacas brasileiras. Un dos principais desafíos que enfrontan os gandeiros é a inflación, dado que os custos destes insumos medraron notablemente, ao igual que os dos fertilizantes, os combustibles e a enerxía.
[caption id="attachment_213970" align="aligncenter" width="660"]
A maior parte da produción, arredor de dous terzos, concéntrase nas rexións Sur e Sudeste. O Estado de Minas Gerais é o maior produtor de leite de Brasil, con preto de 9,5 millóns de toneladas, que equivalen a case o 30% da produción do país, seguido de Paraná e Río Grande do Sul, que suman outro 25%.
A situación de altos custos de produción está a levar a un número importante de pequenas granxas a abandonar a actividade
A situación de altos custos de produción está a levar a un número importante de pequenas granxas a abandonar a actividade. Os prezos pagados polo leite en orixe acadaron no terceiro trimestre do 2022 os 3,5 reais por litro, caendo dunha maneira brusca desde maio deste ano, até pechar o mes de setembro nos 2 reais (38 céntimos de euro).
Consumo
No lado da demanda, o estancamento da economía brasileira, a perda de poder adquisitivo das familias e a suba dos prezos minoristas estanse a notar no consumo. Os prezos do leite nos supermercados atópanse en niveis elevados, desincentivando así as compras da poboación con menores ingresos.
A inflación en Brasil atópase moi alta desde o 2020, especialmente para os alimentos
A desnutrición e a fame aumentaron no último ano e programas gubernamentais como o Auxílio Brasil son os que permiten ás clases sociais máis pobres adquirir produtos lácteos aos que doutro xeito non terían acceso.
[box style="0"]
Raza girolando para a produción en zonas tropicais
As dúas razas principais son a holstein e a girolando, xurdida froito dos cruzamentos realizados no país a partir de 1978 entre animais de raza gyr (orixinaria da India) e holstein, tratando de estandarizar o patrón racial en 5/8 holstein + 3/8 gyr, sendo deste xeito os animais resultantes aptos para a produción leiteira en zonas tropicais e subtropicais debido á rusticidade que aporta a raza gyr.
Brasil conta cunha cabana gandeira duns 16 millóns de cabezas de vacas leiteiras
A produtividade das vacas varía moito entre o norte do país e o sur: menos de 2 litros por vaca e día no norte, con pequenas granxas para autoconsumo e subministro aos mercados locais, e case 11 litros no sur, onde se concentra a maior parte das explotacións máis profesionais.
A produción media no conxunto do país foi de 2.199 litros por vaca e ano en 2022, o valor máis baixo desde o 2019, tras caer a produtividade por cabeza uns 15 litros o ano pasado debido á seca e aos altos custos de alimentación do gando.
Intensificación das granxas
Estase a producir unha mudanza nos sistemas de produción, cun incremento da produción estabulada, que representa xa o 40% do total
O número de granxas produtoras de leite ten sufrido unha merma importante nos últimos 30 anos. O Censo Agropecuario de 1995 contabilizaba máis de 1,8 millóns de produtores de leite no país, aínda que só 800.000 tiñan excedentes que vender. Dez anos despois o número total de produtores diminuíra en 450.000, un 25%, mentres que no Censo do 2017 recolle unha nova redución, até 1,18 millóns de produtores, dos que 634.000 comercializaban leite.
A produción por vaca está a aumentar, situándose nuns 2.200 litros/ano, aínda que con notables diferenzas entre o norte e o sur do país
Esta cifra está sobredimensionada, pois o Censo considera produtor a aquel que ten algún tipo de produción de leite, mesmo se é para autoconsumo ou como subproduto da produción cárnica. A cifra real de granxas especializadas na produción de leite situaríase realmente nas 200.000.
Sexa como for, o proceso de peche de explotacións intensificouse nos últimos anos e prevese que continúe nos vindeiros, á par que segue a aumentar a produción media por vaca e o número de cabezas por granxa, até achegarse aos niveis medios dos outros produtores da rexión: Arxentina conta con 10.000 produtores de leite cunha produción media por explotación de 3.150 litros diarios, 7 veces máis que a media dunha granxa brasileira, e Uruguai ten 1.300 produtores cunha produción media por granxa de 4.000 litros diarios.
[/box]