Axenda

Primeira xornada técnica da IXP Vaca e Boi de Galicia

15/06/2017 4:35 p.m.

A Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia vai celebrar a I Xornada Técnica, que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o próximo 30 de xuño, venres.

Este encontro está dirixido a gandeiros, profesionais técnicos, industria, distribución e consumidores. A xornada pretende trazar unha folla de ruta sobre aspectos normativos, produtivos, tecnolóxicos e tendencias de mercado e consumo para a carne de Vaca e Boi de Galicia, que vai amparar a nova Denominación de Calidade.

Durante as sesións abordaranse a normativa reguladora por parte do director técnico da IXP, Antonio Xende; os factores produtivos e as características tecnolóxicas da vaca e do boi de Galicia, da man de Teresa Moreno, do Centro Tecnolóxico da Carne e de Santiago Crecente, do INGACAL, respectivamente; ademais dos mercados desta carne e das tendencias de consumo, a cargo do xornalista experto en comercialización de carnes e redactor de Eurocarne, David Barreiro.

A xornada será clausurada polas autoridades da Consellería do Medio Rural e finalizará cun xantar de confraternidade para todos os asistentes.

A medio prazo está previsto que se acollan á IXP preto de 10.000 explotacións gandeiras, certifíquense anualmente unhas 25.000 canles e comercialícense preto de 10.000 toneladas de carne de vacún maior de calidade.

A finalidade deste selo de calidade é protexer e poñer en valor a carne fresca procedente das vacas e bois de Galicia. Esta carne deberá presentarse refrixerada para cumprir as normas da IXP, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterizarase por ser unha femia que tivese polo menos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supere os 48 meses de idade ao sacrificio.

Máis información e inscricións:
www.terneragallega.com ou escribindo a consejo@terneragallega.com

[box style="0"]

Acruga celebra este venres a súa asemblea anual en Lugo

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebra mañá venres a súa asemblea anual de socios, á que asistirán máis de 150 gandeiros e gandeiras, no Torre de Núñez, para a continuación reunirse nunha comida, que terá lugar a partir das 14.15 horas no mesmo hotel.

Pouco antes da comida, sobre as 14.00 horas, Acruga homenaxeará a 19 socios de Acruga xubilados este ano. O acto contará coa asistencia de representantes da Xunta, a Deputación, a Subdelegación do Goberno, o Concello de Lugo, así como das entidades financeiras que colaboran coa Asociación.

[/box]

 

Etiquetado
Ir a la portada