A Consellería do Medio Rural procedeu á venda de 52 lotes de madeira de coníferas por valor de máis de 2,5 millóns de euros. A práctica totalidade dos lotes pertencían a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería. A poxa tivo lugar en Ourense e foi celebrada de maneira electrónica.
Do total de lotes vendidos -tres quedaron desertos- sumáronse 105.500 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e silvestre, xunto con cantidades menores doutras especies. Os importes acadados na poxa situáronse nun prezo medio dos lotes de 38€/m³ en monte (madera en pie). Os 24 lotes que contaban con certificación forestal sostible PEFC e outros 13 máis con dobre certificación PEFC e FSC, todos eles con destino a aserrado, acadaron os 41€/m³, un prezo moi superior aos lotes non certificados, que roldaron os 32€/m³, segundo os datos da Xunta.
Os lotes de madeira certificada que cumpren cos requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis comúns a nivel mundial garanten que a xestión dos montes dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente. Desta maneira, as comunidades de montes propietarias de montes baixo algún destes tipos de certificado recibirán un 27% máis -de media- no prezo da madeira.
En conxunto, o prezo medio de toda a madeira adxudicada foi de arredor de 23,7 euros / tonelada, se se ten en conta a cubicación de madeira feita pola Administración forestal (105.500 metros cúbicos) e o importe resultante da adxudicación (2,5 millóns de euros).
Poxa electrónica
Neste caso, a poxa celebrouse electrónicamente, polo que os licitadores realizaron todos os trámites de maneira telemática, desde a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto empresas participantes na poxa como toda aquela persoa que o solicitase puido seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto. A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia.