Viña

Presentan “Mausiño”, o primeiro viño elaborado a partir da variedade autóctona galega Ratiño

Viña Moraima leva a cabo o proxecto de vinificación experimental de Ratiño, variedade branca localizada en determinadas microviñas do municipio de Barro.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
02/12/2016 9:34 a.m.

A cooperativa Viña Moraima presentou este xoves “Mausiño 2015”, un viño elaborado a partir da variedade autóctona Ratiño, catalogada recentemente e localizada en determinadas microviñas compostas por cepas moi antigas que se localizan no municipio pontevedrés de Barro. A cooperativa culmina así un proxecto de vinificación experimental que se prolongou durante dous anos e que ten como obxectivo seguir avanzando na diferenciación dos viños galegos a través da utilización das numerosas variedades autóctonas galegas.

A produción deste viño, presentado no Pazo da Crega, limitouse a 500 litros e pon en valor o potencial enolóxico e de futuro desta variedade autóctona. No acto de presentación, Roberto Rivas –socio fundador de Viña Moraima e un dos impulsores deste proxecto de vinificación experimental- definiu “Mausiño” como un viño “con moito corpo e estrutura en boca” e “cunhas notas moi particulares que o diferencian do resto de variedades coñecidas”.

 “É un viño con moito corpo e estrutura en boca”

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A produción de “Mausiño”, que non vai comercializarse por tratarse dunha clase de uva non incluída aínda no catálogo oficial de variedades, enmárcase nun proxecto de vinificación experimental cuxa misión principal consistiu en probar a aptitude enolóxica da variedade Ratiño, identificada desde hai moitos anos pola MBG (CSIC), no marco dos estudos de recuperación e caracterización de antigas variedades de uva de Galicia e Asturias. O proxecto pretendía, ademais, comprobar as características organolépticas que ofrece a variedade Ratiño e constatar o seu potencial enolóxico.

Para a súa elaboración, o equipo de enólogos da cooperativa –integrado por Cristina Yagüe e Roberto Taibo- comparou o comportamento da nova variedade coa do Albariño. “En base ao coñecemento e manexo do Albariño que posuímos e ás características que presenta a uva Ratiño, fixemos unha elaboración pensando nesta variedade”, sinala Cristina Yagüe.

Aposta pola diferenciación

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Aínda que Galicia se distingue xa pola súa ampla riqueza varietal no ámbito vitivinícola, “recuperar variedades autóctonas ten unha importancia maiúscula pois permite seguir afondando na diferenciación dos nosos viños e abrir novas posibilidades comerciais”, considera a enóloga de Viña Moraima. “Ademais, esta recuperación ten unha compoñente etnográfica e tamén un valor sentimental moi relevante”, engade.

A elaboración de “Mausiño” foi posible grazas ao traballo de investigación do equipo enolóxico de Viña Moraima en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia, centro do CSIC en Pontevedra, que transferiu material vexetal aos técnicos da cooperativa á vez que lles asesorou sobre determinados aspectos desta variedade. Ademais, dada a adscripción de Viña Moraima á D.O. Rías Baixas, foi necesario solicitar a autorización do Consello Regulador para vendimar e elaborar un viño a partir dunha variedade non amparada.

[box style="0"]

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Sobre Viña Moraima

Xurdida no ano 2006, a cooperativa Viña Moraima agrupa 12 socios que veñen cultivando tradicionalmente as viñas herdadas dos seus proxenitores. Trátase de viñedos que se caracterizan pola súa antigüidade xa que, nalgúns casos, superan os 100 anos de idade. A cooperativa elabora viños a partir das variedades Albariño e Caíño Tinto colleitadas en 14 hectáreas de terreo que se localizan no municipio de Barro e comercializados baixo as marcas Moraima e Aba de Trasumia

[/box]

 

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada