Desenvolvemento rural

Presentados os proxectos do X Programa de Emprendemento rural da Fundación Juana de Vega

A valorización dos produtos hortícolas de descarte, o tratamento biolóxico das enfermidades fúnxicas do viñedo, a agricultura de precisión con drons e iniciativas nos ámbitos lácteo ou apícola desenvolvéronse no último ano co apoio desta mentorización

Campo Galego 18/11/2022 2:22 p.m.

[caption id="attachment_185636" align="aligncenter" width="660"] Acto de presentación de proxectos este xoves na Fundación Juana de Vega[/caption]

Un proxecto de valorización dos produtos da horta descartados que non chegan ao mercado, impulsado por Hortícolas Javier Miranda: o tratamento mediante solucións biolóxicas das enfermidades fúnxicas do viñedo que aporta ProPlantae; a agricultura de precisión con drons na que está especializada Beniu; e iniciativas de comercialización de leite ecolóxico (Granxa Ameixeira), de elaboración de cosmética apícola (Yaramel Cosmetics); de produción de viños na comarca de Betanzos (Pagos de Brigante) e na Ribeira Sacra (Proencia); de xestión de terras abandonadas (Ventura Souto) e de eidos como o agroturismo (Abrigadoiro de Rexa) ou a alimentación de mascotas (Chichiña), desenvolvéronse no último ano ao abeiro do programa de emprendemento rural da Fundación Juana de Vega. 

O seu director, José Manuel Andrade, destacou este xoves no acto de presentación destas iniciativas as posibilidades que ofrece o rural galego en campos aínda pouco aproveitados, como o hortícola, o dos froitos vermellos, a planta ornamental, aromática e mediciñal ou o aproveitamento das 46.000 hectáreas de soutos que hai na comunidade para a creación de emprego e actividade económica e animou a todas as persoas que queiran desenvolver un proxecto de emprendemento en calquera eido do sector agroalimentario a aproveitar o apoio que presta unha entidade que neste 2022 cumpre 150 anos de vida. 

Máis de 50 iniciativas empresariais naceron nos últimos 10 anos ao abeiro da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega oferta con éxito o apoio ao emprendemento rural deste fai máis de 10 anos. De feito, nas dez primeiras edicións deste programa participaron un total 100 iniciativas empresariais procedentes de toda a comunidade autónoma, das cales o 56% materializáronse en empresas. Ademais, o 92% delas mantiñan a súa actividade aos tres anos de vida, unha cifra moi superior á media de supervivencia das empresas emerxentes en España, segundo destacou o director da Fundación, José Manuel Andrade. 

Inscricións ata o 30 de novembro

Está en marcha xa a undécima edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (PAEA) co obxectivo de axudar aos emprendedores no deseño e implantación real das súas iniciativas empresariais e tamén a negocios xa en funcionamento que precisan abordar proxectos de mellora ou expansión. 

As inscricións para ambas modalidades poderán realizarse ata o 30 de novembro na páxina web da Fundación Juana de Vega, onde tamén é posible consultar as bases.

Poden presentarse tanto iniciativas de nova creación c0m0 empresas xa existentes

No programa poderán participar proxectos e negocios dos sectores agroalimentario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, así como iniciativas de base tecnolóxica e servizos relacionados con estes campos, que se desenvolvan no ámbito xeográfico de Galicia e poñan en valor os recursos do territorio.

O XI PAEA conta para isto con dúas modalidades: a primeira, denominada Emprendemento está orientada á creación de novas empresas, mentres que a segunda, Crecemento e consolidación, está dirixida ao desenvolvemento de empresas xa existentes. 

Etiquetado
Ir a la portada