Leite

Presentado o estudo máis amplo sobre os patóxenos causantes da mamite

Unha tese de María Luisa Barreal, directora do Ligal, analiza 240.000 mostras de mamite, recopiladas durante sete anos. O traballo servirá de base para mellorar o control desta enfermidade

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 22/10/2015 2:51 p.m.

Unha tese de doutoramento presentada na Facultade de Veterinaria de Lugo (Universidade de Santiago, USC) constitúe o máis amplo estudo realizado ata agora sobre o comportamento patolóxico e epidemiolóxico dos patóxenos causantes da mamite bovina. A investigación foi realizada pola directora do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), María Luisa Barreal López, e dirixida polo catedrático da USC, Pablo Díez Baños, e polo tamén profesor Gonzalo Fernández Rodríguez.

As conclusións do traballo, que analizou 240.000 mostras de mamite clínica e subclínica enviadas para diagnóstico durante sete anos, servirán de base para establecer novas medidas de control, orientadas a incidir aínda máis na prevención e tratamento da enfermidade.

A tese estudou e clasificou os patóxenos segundo a gravidade das mamites que provocan e as variacións no seu comportamento epidemiolóxico. Entre os microorganismos estudados, figuran algúns descoñecidos ata o momento ou sobre os que existía escasa información. A investigación constatou que os programas de control de mamite existentes só actúan de xeito eficiente sobre un número de microorganismos moi limitado, aínda que algúns son dos máis frecuentes. A tese advirte ademais do aumento da detección de patóxenos que ata agora non se consideraban de importancia.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A información resultante do estudo servirá asemade de axuda para os veterinarios á hora de interpretar os resultados de diagnóstico do laboratorio e establecer un pronóstico e as correspondentes pautas para un tratamento eficaz da patoloxía.

Composición do tribunal e cualificación
A catedrática da área de Sanidade Animal do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Patrocinio Morrondo Pelayo, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por María Luisa Barreal López, que obtivo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Completaron o tribunal a profesora da área de Sanidade Animal da Universidade de León Ana María Carvajal Urueña; o xefe do Laboratorio Normativo de Saúde Pública de Biscaia, Juan Marco Melero; o xerente do LIGAL, Roberto Lorenzana Fernández, e a profesora da USC Rosario Panadero, que actuou en calidade de secretaria.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada