Leite

Preocupación no persoal da planta de Leche Celta de Meira pola súa posible venda

Os traballadores das instalacións iniciaron esta semana unha folga para demandar a equiparación das súas condicións salariais con outras fábricas do grupo, pero perciben un “desinterese” da empresa na negociación

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 07/04/2018 2:14 p.m.

O persoal da planta de Leche Celta en Meira (Lugo) está preocupado pola posibilidade dunha venda ou peche das instalacións. Os traballadores iniciaron unha folga esta semana por cuestións salariais, sen que polo de agora se abrise unha negociación coa empresa. Ante esta situación, o comité de empresa, con maioría da CIG, emitiu unha nota de prensa na que advirte de posibles “manobras especulativas” coa planta de Meira por parte de Leche Celta

A folga convocada polo persoal da planta de Meira, que demanda a equiparación das súas condicións salariais coa fábrica de Pontedeume, incluíu esta semana tres días de paro total, o que obrigou a Leche Celta a desviar o leite tanto a Pontedeume como a outras industrias, caso de Tegestación (Outeiro de Rei).

"Hai síntomas de que Celta non ten interese en conservar a planta de Meira nin en atender como se debe ao seu cliente único" (Christian López, CIG)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“A actividade produtiva e a retirada de produto envasado está totalmente paralizado, co cal a empresa non ten capacidade para subministrar produto envasado ao seu cliente único, Mercadona, sen que até o momento a dirección pareza preocupada por este incumprimento. A representación social entende que Leche Celta podería estar traballando nunha manobra especulativa ou de desestruturación da empresa”, sinala a nota de prensa emitida polo comité.

“Hai síntomas de que Leche Celta non está interesada en conservar a planta de Meira nin en atender como se debe ao seu cliente único”, coincide Christian López, da CIG, quen subliña que desde a formulación da última proposta do comité de empresa pasaron máis de 72 horas sen ter contestación por parte de Leche Celta. Ante esta situación, os traballadores están valorando unha folga indefinida a partir do próximo xoves.

Consultadas fontes de Leche Celta sobre unha posible operación de venda da planta de Meira, contestan que se trata dun "rumor" do que teñen constancia, pero sinalan que “oficialmente non sabemos nada”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada