Agricultura

Preocupación entre os agricultores que fan venda directa nos mercados tradicionais

Fruga reclama que se manteñan as feiras só con produtos de alimentación, ó igual que se está a permitir a apertura de supermercados. Reivindican o seu papel para garantir o abastecemento de alimentos e que son a vía de comercialización da produción de moitos labregos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 16/03/2020 12:38 p.m.

As medidas restritivas adoptadas nos últimos días para tentar controlar a incidencia do coronavirus están a suscitar preocupación entre os agricultores que fan venda directa nos mercados tradicionais, logo da decisión de suspender a celebración de feiras de proximidade.

Dende a Federación Rural Galega (Fruga) recriminan que se adopte esta medida cando dende a Xunta se enfatiza que o abastecemento de alimentos está garantido e se blinda a apertura de supermercados e hipermercados. “Dende a Fruga non entendemos como no medio desta situación se prohibe a actividade de feiras e mercados, se, como di o presidente da Xunta, o que se ten que primar a día de hoxe, no medio das restricións de movemento e reunión, é o acceso da poboación á alimentación”, indican.

O colectivo reivindica a importancia das feiras e mercados periódicos no modelo de consumo galego. Ademais resalta que boa parte destes mercados e feiras tradicionais en moitas ocasións se celebran ó aire libre, algo que -din- sería menos problemático á hora de producirse o contaxio polo virus do Covid19. Apuntan tamén que a estrutura destes mercados evita as longas ringleiras que se están a formar nos últimos días nos supermercados.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Por outra banda, estes mercados de venda directa son o medio a través do cal moitos labregos comercializan a súa produción, e que deste xeito quedan “desamparados pola Administración, sen poder dar saída ós produtos”, concretan.

Así, a Fruga esixe a rectificación da Xunta e pídenlle que garanta a realización das feiras e mercados nas vilas e cidades, unicamente con produtos de alimentación, co mesmo afán que asegura a apertura das cadeas de distribución da gran industria alimentaria. Ó mesmo tempo, solicítanlle que se implementen as medidas necesarias para o correcto funcionamento dos mercados no marco da alerta sanitaria actual.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada