Trátase de xatas de entre 24 e 27 meses de idade, e preñadas de entre catro e cinco meses, e aínda que a recría destes animais levouse a cabo no centro de Castro de Ribeiras de Lea, os animais foron adquiridos en explotacións de Samos, Becerreá, Láncara, Ribadeo e O Corgo. Os animais chegan con poucos meses para que, segundo explica a directora da Graxa Gayoso Castro, Sonia Verdes, "acaden un nivel de desenvolvemento axeitado, conseguindo novillas próximas ao parto cunhas características morfolóxicas e funcionais que permiten acadar exemplares cun maior potencial produtivo, co obxectivo de conquerir explotacións mais competitivas e viables".
Un dos aspectos que máis valoran os gandeiros e gandeiras que mercan exemplares nestas poxas é a xenealoxía dos animais, e neste sentido algunhas das xovencas da poxa de mañá son fillas de sementais moi recoñecidos e de gran calidade, como Paderne Ag e Gayoso Ag, entre outros, ou de Xacobe, un toro de monta natural.
Grazas a estes datos, os compradores poderán escoller e poxar por estes animais, dependendo de se precisan exemplares para cruce industrial, para recría de raza pura, con boa facilidade de parto, e con máis conformación cárnica, entre outras cualidades.
Todos os criadores interesados en adquirir algunha das xovencas na poxa de mañá, poderán retirar a súa tarxeta acreditativa a partir das once da mañá, no propio recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro.