Forestal

Ponse en marcha unha web que ofrece datos do sector forestal por concello

A nova plataforma web permite obter información do sector forestal da comunidade e crear series históricas de datos. No 2020 Galicia acadou os 9 millóns de metros cúbicos de madeira, case un 7% por debaixo das cifras de 2019

Campo Galego 25/06/2021 1:29 p.m.

A Xunta acaba de poñer en marcha unha plataforma web coa que coñecer información do sector forestal galego e crear series históricas. A ferramenta foi desenvolvida pola Consellería do Medio Rural -a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega). A nova web amosa os datos que definen o sector forestal galego, non só a nivel autonómico senón en detalle tamén por provincia, distrito ou mesmo por concello.

Baseada en tecnoloxía de Intelixencia Empresarial, a nova ferramenta web permite atopar xa datos da estrutura da propiedade en Galicia e das producións madeirables. Trátase dos dous primeiros ámbitos de datos xa desenvolvidos, ós que está previsto que se vaian incorporando nas vindeiras semanas e meses novos eidos como a superficie ordenada, a superficie en xestión pública, as empresas do sector forestal de Galicia, os tratamentos de loita biolóxica contra pragas e doenzas forestais ou as actuacións de silvicultura e repoboación realizadas nos últimos anos con financiamento público.

“Trátase dun fito tecnolóxico en materia de administracións públicas porque os datos están agrupados mediante o acceso directo a múltiples aplicacións de datos con información forestal”, explican dende a Consellería. Esta plataforma web de estatística forestal enmárcase no conxunto de accións realizadas ao abeiro da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que tanto a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal como a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen desenvolvendo nos últimos anos.

[caption id="attachment_146510" align="aligncenter" width="660"] Vista da nova plataforma web.[/caption]

Volume de cortas en 2020

Entre os datos que se poden consultar nesta plataforma atópanse os dos aproveitamentos de madeira para o ano 2020, un ano marcado pola pandemia da covid-19 no que, con todo, se superaron os 9 millóns de metros cúbicos. Esta cifra supón un lixeiro descenso do 6,87% respecto ao volume de cortas do ano 2019.

Da madeira cortada o ano pasado destacan os máis de 5,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto aproveitada, fronte aos 5,6 millóns do ano anterior. Mentres, as coníferas -especialmente Pinus radiata e Pinus pinaster- mantivéronse constantes con respecto ao ano anterior, acadando os 1,6 millóns de metros cúbicos aproveitados para ámbalas dúas especies.

Etiquetado
Ir a la portada