Forestal

Polémica entre empresarios da comarca de Vigo e montes veciñais pola propiedade de terras

Créase unha Plataforma Galega de Afectados polas comunidades de montes, unha entidade que os comuneiros consideran un intento de “manter a usurpación de montes veciñais”

Campo Galego 04/05/2023 11:54 a.m.

Na comarca de Vigo constituíse nas últimas semanas unha autodenominada Plataforma Galega de Afectados polas comunidades de montes. O colectivo, impulsado por empresarios e con presenza tamén de particulares, acusa a comunidades de montes da área metropolitana de Vigo de intentar apropiarse de terreos ocupados por empresas e vivendas.

A Plataforma sinala que hai dez casos nos xulgados, logo de que fosen denunciadas catro empresas e seis particulares, polo que demanda da Xunta unha “solución”, pois consideran que se ven nunha gran “inseguridade xurídica”.

Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes, pola súa banda, veñen de emitir un comunicado no que consideran á Plataforma un intento de “perpetuar a usurpación franquista dos montes veciñais”.

Contexto
Cómpre lembrar que os montes veciñais foron intervidos de xeito xeralizado durante o periodo franquista, cando se acometeu a súa forestación por parte do Patrimonio Forestal del Estado, en colaboración cos Concellos e Deputacións.

A recuperación da propiedade por parte das comunidades iniciouse de xeito xeralizado a comezos dos anos 80. Este é un proceso que practicamente se pode dar por rematado, pero que en determinadas zonas deixou conflictos puntuais, ben por falta dun deslinde correcto do monte veciñal, ben pola presenza de propiedades particulares nos terreos do monte veciñal.

Herdanzas da intervención pública
A Organización Galega de Comunidades de Montes considera que os integrantes da Plataforma “saben que están ocupando unhas terras que non son súas, senón de titularidade das comunidades de montes”. “Son terras que lles foron cedidas ou vendidas polos respectivos Concellos, cando estes non eran os titulares lexítimos destas terras, senón que eran os beneficiarios da usurpación dos montes veciñais levada adiante pola ditadura franquista” -argumenta a Organización-. “E estes empresarios, para perpetuar esa ilegalidade, esíxenlle á Xunta que acometa unha nova usurpación dos montes veciñais”.

Cuestión algo distinta é o caso dos particulares, segundo a Organización Galega de Comunidades de Montes. “Están tamén ocupando en réxime de propiedade terreos de montes veciñais dun xeito alegal, pois en orixe, quen vendeu ou cedeu esa terra foi un Concello que non era titular da mesma. Polo tanto, as súas reclamacións de danos e perxuizos deben dirixilas a estas administracións, non contra os lexítimos propietarios”, argumentan os comuneiros.

Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes inciden en que a nova lei de montes veciñais que prepara a Xunta é un bo momento para resolver estes conflictos. “Deben declararse nulos de pleno dereito todos os actos e negocios xurídicos levados adiante polos Concellos no tempo en que durou a usurpación franquista dos montes veciñais”, defenden.

Etiquetado
Ir a la portada