O BNG pediu na comisión de Agricultura do Parlamento galego que se celebren eleccións no agro para medir a representatividade das distintas organizacións. A proposta foi rexeitada polo grupo popular, ó advertir que a celebración de eleccións agrarias era unha cuestión que se estaba debatindo a nivel estatal, polo que entendía que era preciso esperar a que o Ministerio adoptase unha resolución ao respecto. No debate parlamentario, baralláronse alternativas, como a creación dunha comisión en Galicia para seguir o tema, proposta polo PP, pero polo de agora non houbo acordo.
As últimas eleccións para medir a representatividade das organizacións agrarias en Galicia celebráronse no 2002, para as agora extintas cámaras agrarias provinciais. Coas tres organizacións que participaran naqueles comicios, Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e o Sindicato Labrego, definiuse no 2006 a representatividade do actual Consello Agrario Galego, un órgano consultivo ó que a Administración autonómica lle traslada cuestións de política agraria.
Desde que se creou o Consello Agrario Galego, unha das organizacións que o conformaban, Xóvenes Agricultores, desapareceu en Galicia, en tanto no campo xurdiron outros colectivos, como a Fruga ou Agromuralla. Desde o BNG entenden que son precisas eleccións para axeitar á representatividade do Consello Agrario ós actuais colectivos do campo.
Tamén a Fruga emitiu hoxe unha nota de prensa para demandar a celebración de eleccións, pois entende que tras 18 anos, “mudou moito a realidade do mundo rural”. Incide ademais en que dos 12 representantes de organizacións agrarias, só quedan 8 no Consello Agrario trala desaparición de Xóvenes Agricultores.