Tras as perdas pola saraibada ocorrida estes días na Ribeira Sacra, Unións Agrarias súmase ás peticións de axudas para os viticultores formuladas por Asaja, se ben no caso de Unións, exténdese a solicitude de axudas para todos aqueles produtores de Galicia que perderan máis dun 30% da colleita, ben por inclemencias meteorolóxicas, ben por ataques de mildeu. Unións aproveita tamén para pedir de novo a convocatoria da Mesa do Viño.
A organización agraria advirte de que a contratación de seguros agrarios en viñedo mantense baixa polo que considera un escaso apoio público a súa suscripción. Esta situación, valoran en Unións, comprometerá as contas de boa parte do sector, polo que se demandan de Medio Rural axudas de minimis para o sector vitícola. Tamén se pide a condonación de parte das cotas da Seguridade Social.
Esta semana, a propia conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou a zona da Ribeira Sacra afectada pola saraiba e comprometeu axudas para viticultores e adegas.
Por último, Unións Agrarias avoga pola convocatoria da Mesa do Viño de Galicia, un foro con participación de adegas, representantes de viticultores e Administración, coa idea de definir unha folla de ruta para o sector na comunidade. Cuestións como a escasez de contratos homologados ou os prezos para a próxima vendima deberían tratarse nese marco, ó entender da organización.