Desenvolvemento rural

Permítese o desprazamento a hortas de autoconsumo no concello de residencia

A Xunta autorizará tamén o desprazamento a leiras en concellos veciños, sempre que non se superen os 5 quilómetros de distancia desde a casa

Campo Galego 25/04/2020 9:46 p.m.

Tralas peticións cursadas nas últimas semanas por organizacións sociais, a Xunta acordou este sábado autorizar os desprazamentos a hortas de autoconsumo no concello de residencia habitual da persoa. No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda habitual, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa.

En ambos casos, as persoas deberán aportar unha declaración responsable, que se regulará nunha orde que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Desta forma, elimínase a anterior limitación, que era de 500 metros. Outras comunidades xa viñan permitindo maiores desprazamentos para coidar hortas de autoconsumo, o que nas últimas semanas xerou mobilización de organizacións sociais en Galicia en demanda dun cambio da normativa.

[box style="0"]

Actualización
- Entra en vigor a autorización para traballar hortas de consumo no concello de residencia (28-IV-2020).

[/box]

Queimas e rozas
O Comité de Coordinación da Xunta aprobou tamén permitir a realización de queimas de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas de explotacións profesionais cando a devandita actuación se faga para evitar problemas fitosanitarios nas explotacións agrícolas. Para a tramitación das solicitudes e a obtención da correspondente autorización, os cidadáns deberán dirixirse aos Servizos provinciais de Prevención de Incendios a través de correo electrónico, e deberán incluír unha declaración responsable da persoa titular da explotación que xustifique a necesidade de realización da queima.

Tamén en relación coa prevención dos incendios forestais, nesta xuntanza o Comité acordou levantar a suspensión do prazo legal para cumprir coa obriga de execución da xestión da biomasa nas franxas secundarias (as dos 50 metros próximos ás vivendas). Así, engádense ao prazo habitual do 31 de maio os días transcorridos durante o estado de alarma, sen que en ningún caso poidan realizarse as limpezas máis alá do 31 de xullo de 2020, segundo sinala a Xunta.

Etiquetado
Ir a la portada