Desenvolvemento rural

Permítense as queimas de restos agrícolas a partir do luns 11 e reactívase a pesca fluvial

Campo Galego 06/05/2020 2:44 p.m.

A Xunta decidiu levantar a suspensión da realización de queimas nos terreos rústicos. Poderán facerse, previa comunicación ou autorización previa, segundo corresponda, a partir do luns 11 de maio. Respecto das comunicacións ou autorizacións efectuadas antes do 13 de marzo, cando o Centro de Coordinación Operativa decidira suspender as queimas, a Administración precisa que deberán tramitarse de novo.

Medio Rural xa acordara o pasado 25 de abril permitir de xeito excepcional, por razóns fitosanitarias, queimas en explotacións profesionais en tanto durase o estado de emerxencia. Non obstante, coa incorporación do persoal de reforzo en extinción de incendios a partir do luns 11, a Administración entende que xa é posible retomar todas as actuacións de queimas en terreos rústicos.

Por outra banda, a Xunta acordou tamén restablecer a pesca fluvial, se ben os pescadores terán as mesmas restriccións de mobilidade e franxas horarias ás que están sometidos todos os cidadáns.

Ir a la portada