Forestal

Perfil do silvicultor galego, é reticente a plantar piñeiro e cre que o eucalipto “non é malo”

Unha enquisa do Grupo Alvariza indica que as tres cuartas partes dos xestores forestais activos vive no rural, ten unha media duns 67 anos e maioritariamente confía nun relevo familiar no manexo do monte

Campo Galego 23/09/2019 3:49 p.m.

Como é o xestor forestal galego?, que opinións ten sobre o monte?. Son preguntas chave para coñecer as tendencias de futuro do monte privado en Galicia, que representa as dúas terceiras partes do total. O Grupo Alvariza (Enxeñería Forestal Asefor), adicado á certificación forestal, vén de concluír unha enquisa entre 1.503 propietarios forestais que venderon madeira no último ano (setembro 2018 – setembro 2019) e que certificaron esa madeira a través de Alvariza.

Os resultados da enquisa, procesada pola empresa Biostatech, permiten coñecer quen é e como pensa o silvicultor activo galego, aquel que corta, planta e manexa as súas parcelas forestais.

Idade e relevo xeneracional
A maioría dos xestores forestais galegos móvese nun arco de idade entre 54 e 78 anos, cunha media de 66,4 anos nos homes e de 67,7 nas mulleres. Máis da metade, un 60%, son pensionistas.

Preguntados os enquisados por se cren que hai na súa familia interese en continuar coa xestión das parcelas familiares, un 80% é da opinión de que terán relevo na xestión do monte, se ben prodúcense significativas diferenzas xeográficas.

[caption id="attachment_98959" align="aligncenter" width="660"] Percepción do interese familiar en continuar coa xestión das parcelas forestais.[/caption]

Se en comarcas como a Mariña Occidental ou a Mariña Central (Lugo) hai case unanimidade en valorar o interese da familia en continuar coa xestión do monte, no Morrazo (Pontevedra) dáse o caso contrario. Tódolos xestores forestais coinciden en que non terán relevo xeneracional. Comarcas como a de Caldas e a de Paradanta, en Pontevedra, ou a comarca da cidade da Coruña tamén concentran unha maioría de propietarios que ve complicada a continuidade da xestión familiar dos seus montes.

En coincidencia co dato de que, a nivel galego, unha gran maioría dos propietarios (80%) percibe a posibilidade dun relevo xeneracional nas súas parcelas , hai un 82% dos xestores activos que non estarían dispostos a alugar as súas terras.

Lugar de residencia
As tres cuartas partes dos propietarios forestais que venderon e certificaron madeira no último ano a través de Alvariza viven no rural. É un dato que revela que é desde o rural onde con máis frecuencia se xestionan montes de uso produtivo.

A parte da venda de madeira, a maioría dos silvicultores practica outros aproveitamentos do monte. Un 56% recolle leñas para uso propio e en menores porcentaxes infórmase dun uso recreativo ou de pesca, caza e recollida de cogumelos.

Estudos
O 70% dos enquisados ten estudos primarios e o outro 30% ten estudos secundarios ou universitarios.

Certificación forestal
A certificación forestal FSC ou PEFC, que garante ante o mercado a xestión sostible dos montes, era descoñecida por un 76% dos propietarios antes da venda e certificación da súa madeira a través de Alvariza. É un dato que novamente presenta diferenzas a nivel comarcal, pois nas comarcas das Mariñas de Lugo e da Coruña, con maior tradición na certificación forestal, hai un maior grao de coñecemento da mesma.

Especies forestais produtivas

Eucalipto e piñeiro concentran un 97% das cortas en Galicia con destino a aserradoiros e industrias. Que pensan os xestores forestais de ambas especies?. Consultados sobre se cren que o eucalipto é malo, un 91% dos enquisados afirma que “non é malo”. A unanimidade de tal percepción é case total no norte de Lugo e na metade norte da Coruña. As opinións máis contrarios ó eucalipto danse en Lemos (Lugo) e no Baixo Miño e Condado (Pontevedra), se ben en todas estas comarcas é tamén maioritaría a crenza de que o eucalipto non é malo.

[caption id="attachment_98956" align="aligncenter" width="660"] Crenza de que o eucalipto é malo.[/caption]

As opinións semellan coincidir coas tendencias de plantación en monte, pois o declive que están a experimentar os piñeirais nas últimas décadas -con tendencia a ser sustituídos por eucaliptos- confírmase nas intencións de plantación manifestadas polos propietarios. Un 76% nega que teña previsto plantar piñeiros no futuro nalgunha das súas parcelas forestais. Tal decisión apunta cara unha aposta maioritaria por unha única carta, o eucalipto.

Por comarcas, chama a atención o descarte total do piñeiro que se fai en case toda a provincia da Coruña, en tanto no interior de Lugo e Pontevedra hai maior porcentaxe de xestores forestais que valoran plantar piñeiros nalgunha parcela. Cómpre destacar tamén os datos da Mariña occidental e da oriental, zonas maioritarias de eucalipto, onde máis dunha cuarta parte dos propietarios declara querer plantar piñeiros nalgunha finca.

[caption id="attachment_98965" align="aligncenter" width="660"] Intención futura de plantación de piñeiro nalgunha parcela.[/caption]

De Ourense, provincia con importancia no piñeiro e case sen eucaliptos, a penas hai datos, pois a certificación forestal ten alí un menor presenza entre os propietarios forestais e na cadea de transformación da madeira.

Crenzas sobre os incendios forestais

Nunha pregunta multirresposta con contestacións pechadas sobre as motivacións dos incendios forestais, un 67% sinala como factor principal a “falta de limpeza” do monte. O 37% responsabiliza tamén a pirómanos e un 26% alude a motivacións políticas. Factores coma gando, caza e outros son descartados de xeito maioritario.

[caption id="attachment_98962" align="aligncenter" width="660"] Principais causas atribuídas aos incendios forestais, nunha pregunta multirresposta con contestacións pechadas.[/caption]

Etiquetado
Ir a la portada