Desenvolvemento rural

Pasaporte Gastronómico, unha iniciativa para coñecer os Ancares e Terras de Burón a través das súas feiras

O GDR Montes e Vales Orientais pon en marcha un novo produto turístico vinculado á gastronomía para visitar a montaña de Lugo, con 14 feiras e festas de referencia, unha por concello

Campo Galego 10/02/2023 9:12 a.m.

Utilizar a gastronomía e os produtos locais para atraer visitantes e que se acheguen dese xeito a coñecer o territorio. Ese é o obxectivo do Pasaporte Gastronómico, a nova iniciativa posta en marcha polo Xeodestino Ancares Terras de Burón, xestionado polo GDR Montes e Vales Orientais.

Este novo produto turístico utiliza as feiras como reclamo. Son un total de 14 citas ao longo do ano, unha por cada un dos concellos que integran o Xeodestino:

Entre as 14 citas hai 5 feiras declaradas Festa de Interese Turístico Galego e con esta iniciativa de promoción conxunta  a través do Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón preténdese apoiar ás menos coñecidas para lograr un desenvolvemento en conxunto do territorio.

Como funciona o pasaporte?

Os visitantes terán que facerse co Pasaporte, ben de xeito presencial en calquera das 14 feiras e festas ou ben descargándoo da web do Xeodestino e imprimíndoo. Unha vez o teñan no seu poder, deberán rexistrarse cubrindo un pequeno formulario na mesma páxina web e recibirán un correo electrónico de confirmación que xa lles servirá para entrar no primeiro sorteo. A partir dese momento xa poderán usalo no resto de feiras e festas.

Os visitantes poderán recoller o Pasaporte en calquera das 14 feiras e festas ou descargalo na web do Xeodestino e imprimilo

En cada celebración haberá un lugar perfectamente identificado para poder selar o Pasaporte Gastronómico e alí os participantes recibirán un número para o sorteo que se celebrará na propia feira entre todas as persoas que selen o pasaporte nesa xornada. Entre os premios terán protagonismo os lotes de saborosos produtos locais das distintas zonas.

[box style="0"]

Traballo en conxunto de 14 concellos

[caption id="attachment_192075" align="aligncenter" width="660"] O alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR, Carlos López (no centro) trala presentación da iniciativa[/caption]

O Pasaporte Gastronómico Ancares Terras de Burón é a gran aposta do Xeodestino para este ano 2023 e responde ao traballo en conxunto dos 14 concellos que o conforman, pertencentes ás comarcas de Meira, Os Ancares e A Fonsagrada.

O alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López, agradeceu durante a presentación da iniciativa, que tivo lugar na Casa do Concello da localidade, “a implicación dos 14 concellos do Xeodestino para poder levar a cabo este proxecto conxunto”.

A iniciativa arrinca esta fin de semana coa celebración da Feira do Butelo na Fonsagrada

A Feira do Butelo, que se celebra precisamente esta fin de semana na Fonsagrada, é a primeira das citas incluídas no Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares Terras de Burón. As persoas que se acheguen á feira poderán selar o Pasaporte no stand do grupo operativo Gayas, coordinado pola Asociación de Gandeiros da Fonsagrada e integrado tamén por outros produtores da zona.

Guía de micropaisaxes

Acudir ás feiras é tamén unha desculpa para visitar, ao longo do ano, os 14 concellos onde se celebran. “Buscamos impulsar 14 feiras e festas gastronómicas que se celebran no noso territorio pero é tamén unha maneira de coñecer a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa gastronomía”, destacou o presidente do GDR.

“Comezamos este pasaporte gastronómico cunha das festas máis recoñecidas do inverno galego e convidamos a todo o mundo a achegarse ao noso concello para desfrutar con nós dela”, afirmou o tamén alcalde da Fonsagrada.

Ademais de mercar produtos de alimentación e artesanía nos distintos postos, a visita á Feira do Butelo é unha oportunidade para descubrir outros atrativos da Fonsagrada, como o Castro de Castañoso, onde se pode ver unha sauna castrexa; a Seimeira de Vilagocende, que loce espectacular logo das últimas nevaradas; ou pasear polo entorno do Muíño da Allonquiña.

O GDR Montes e Vales Orientais ten elaborado unha Guía da Rede de Micropaisaxes do Xeodestino Ancares Terras de Buron onde se pode atopar toda a información sobre estes puntos de interese localizados nos 14 concellos que o integran.

[/box]

Actuación cofinanciada dentro do “Grupo Operativo Gayas – Comida de origen desde la aldea a casa” ao 80% pola Unión Europea co «Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais» (FEADER) e ao 20% polo Programa Nacional de Desarrollo Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a través da Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA). Custo: 454.802,75€.

Etiquetado
Ir a la portada