Desenvolvemento rural

A partir de mañá poden solicitarse de novo os permisos de queimas

As autorizacións para estas tarefas, tanto agrícolas como forestais, permanecían suspendidas dende o pasado día 1 de xullo, data de inicio da época de alto risco de lumes

Campo Galego 30/09/2020 2:57 p.m.

Dende mañá xoves, día 1 de outubro, poderán tramitarse de novo as autorizacións para queimas en terreos forestais, así como efectuar as comunicacións para as rexistradas en parcelas agrícolas. A Consellería do Medio Rural levanta así a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos que permanecía vixente dende o pasado día 1 de xullo, data de inicio da época de alto risco de lumes, unha tempada que remata hoxe.

Para realizar a tramitación a partires de mañá, existen dúas vías. Ou ben chamar ao teléfono 012 ou ben empregar a vía telemática dende o enderezo web habilitado pola Xunta para este tema.

Así, os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados deberán comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación. En todo caso, dende a Consellería de Medio Rural lembran que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

-Máis información sobre a realización de queimas.

 

Etiquetado
Ir a la portada