Desenvolvemento rural

A parroquia ribadense de Arante acollerá esta fin de semana a súa primeira mostra de razas autóctonas

A Asociación de Veciños desta parroquia ribadense xunto coa Deputación de Lugo, impulsa a feira, que reivindica a tradición gandeira da zona

21/04/2023 3:23 p.m.

A parroquia ribadense de Arante celebrará este sábado a primeira mostra de razas autóctonas. A Asociación de Veciños de Arante organiza, coa colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo, esta mostra que pon en valor o traballo de gandeiras e gandeiros e visibiliza as características diferenciais das razas autóctonas galegas e dos produtos derivados.

A mostra dará cabida a exemplares de rubia galega e outras razas bovinas autóctonas, ovella e cabra galegas, galiña de Mos, cabalo de Pura Raza Galega e Porco Celta, grazas á implicación das asociacións gandeiras Acruga, Puraga, Asoporcel e Boaga, que terán posto informativos na mostra.

A feira incluirá tamén venda de produtos agroalimentarios procedentes de razas autóctonas e de produtores da contorna, para poñer en valor as producións locais e fomentar o mercado de proximidade. A apertura do recinto será ás 10.00 horas, punto de inicio dunha xornada lúdica que inclúe unha comida popular, unha carreira de cabalos, xogos tradicionais e verbena. A organización agarda unha boa acollida desta primeira edición da feira, que poñen en marcha coa vontade de consolidala no calendario anual de feiras e mostras de gando da Mariña.

A apertura do recinto será ás 10.00 horas, punto de inicio dunha xornada lúdica que inclúe unha comida popular, unha carreira de cabalos, xogos tradicionais e verbena

Na presentación do cartel, na que participaron Jorge Moreda, membro da asociación organizadora e os concelleiros ribadenses Pablo Vizoso, Jorge Díaz e Marcos Villamil, valorouse “a iniciativa da veciñanza de Arante, que con esta mostra reivindica e pon en valor a tradición gandeira da parroquia e o traballo nas gandeirías e granxas, unha actividade fundamental para xerar riqueza e manter a poboación no rural”.

A responsable provincial de Medio Rural, Mónica Freire, destacou a importancia destas citas gandeiras “que contribúen a promocionar as razas autóctonas e os seus produtos derivados ante o sector e ante a sociedade no seu conxunto, colaborando neste obxectivo coas asociacións gandeiras e entidades implicadas na sùa recuperación e conservación”.

“A iniciativa da veciñanza de Arante pon en valor a tradición gandeira da parroquia e o traballo nas gandeirías e granxas"

Nesa liña, destacou “que a Mariña é unha comarca de referencia neste eido, con feiras e mostras gandeiras en case todos os concellos, especialmente nos do interior, que contan coa colaboración da área de Medio Rural da Deputación de Lugo, sexa económica, técnica ou loxística”.

Ir a la portada