Desenvolvemento rural

Paralizan unha planta de residuos que ameazaba ás explotacións gandeiras de Trazo

27/06/2016 12:29 p.m.

A empresa que proxectaba construír unha planta de tratamento das escouras dos fornos de Sogama no concello de Trazo desiste públicamente de ubicala nese concello debido a forte oposición veciñal, pola ameaza de contaminación que supuña para as numerosas explotacións gandeiras do concello, e tamén polo rexeitamento das autorizacións por parte da Xunta de Galicia e do concello.

Así, o confirmou en declaracións a Campo Galego Francisco Rodríguez, director adxunto de González Couceiro SLU, empresa que tiña proxectado construír no monte da Picouta unha planta de tratamento e valorización das escouras e das cinzas dos fornos nos que Sogama queima o lixo.

Sen embargo, e tras os informes desfavorables da Xunta, Francisco Rodríguez asegura que “renunciamos a ese proxecto e nese emprazamento, aínda que seguimos crendo na necesidade de recuperar os residuos”.

“Renunciamos ao proxecto na Xunta  hai máis dunha semana e de momento non temos ningunha previsión de novo emprazamento para instalar planta", recoñece o responsable de González Couceiro SLU.

Os veciños e gandeiros manteranse vixiantes

Sen embargo, por parte dos veciños e dos gandeiros aseguran que se manterán vixiantes ata ter a certeza de que o proxecto non se vai volver a recuperar no futuro. Así, a secretaria da Asociación de Veciños da Picouta, Luz Suárez asegura que “manterémonos vixiantes para que este proxecto non volva a recuperarse por outra vía, e pedirémoslle información tanto ao Consello de Trazo como á Xunta de Galicia para asegurarnos de que está totalmente descartado”.

Ir a la portada