Viña

“Para sobrevivir, os viños galegos deben situarse na elite”

Entrevista a Pedro Ballesteros, un dos maiores expertos en viños e único Máster of Wine español. Recentemente visitou as cinco Denominacións de Orixe vitícolas galegas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David Glez. Iglesias 28/04/2015 8:52 p.m.

Concentrarse nos viños de maior prezo, mellorar a calidade e apostar pola orixinalidade. En definitiva, apostar por engadir valor á viña e ao viño máis que por manter altos niveis de produción. Esas son algunhas das receitas para o sector vitivinícola galego de Pedro Ballesteros, un dos maiores expertos mundiais no sector e único español Máster of Wine, unha das organizacións de expertos do viño máis prestixiosas a nivel global.

Que impresión te levas da visita ás cinco Denominacións de Orixe Galegas?
A impresión é moi boa. Cando propuxen esta viaxe ao Instituto de Masters of Wine quería poder presentar Galicia como esa nova fronteira para o viño orixinal e de calidade, esa terra que alimenta a imaxinación e que se estima para viños de alto prezo. Creo que se conseguiu.

Que é o que máis te sorprendeu dos nosos viños?
Máis incluso que os viños, o descubrimento máis agradable son os viñadores e viñateiros, xente amorosa e emprendedora a un tempo, que están a desenvolver unha visión da súa terra que nunca antes se tivo. Os viños responden a esa visión, a súa grandeza vén tanto da natureza galega coma do espírito dos galegos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Hai algunha Denominación de Orixe que te sorprendese máis?
Cada DO, e iso é rara avis en España, ten unha personalidade ben definida, é moi distinta. Non hai sitio para comparacións, afortunadamente

Que características comúns ves nos viños galegos?
Soamente vexo unha característica común aos viños galegos: son diferentes aos do resto do mundo.

Que potencial lle ves ao viño galego para a exportación?
Vexo un gran potencial, pero tamén vexo grandes riscos. Galicia ten que ser, pola súa propia natureza, custos de cultivo, sistema de propiedade e outras razóns, unha rexión vinícola de nicho, que sexa coñecida por producións limitadas de viño diferente.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En calquera outro escenario a Galicia vinícola afundirase como xa se afundiu no pasado. É certo que hai un gran mercado galego a alimentar con viños a bo prezo, pero saír fóra con viños de medio pelo é un suicidio. Para sobrevivir Galicia debe posicionarse na elite.

Cales poden ser os mercados máis interesantes?
Creo que os máis abertos e curiosos, os máis cultos: Bélxica, EUA, Xapón, Suíza, e os círculos de freakies do viño en moitos outros países. Os mercados de desconto e os mercados con menos cultura penso que interesan menos.

Que aspecto valora máis o consumidor do norte de Europa?
No Norte de Europa tense a man viño de todo o mundo. O máis valorado, nos nichos de alto prestixio, é a orixinalidade, sobre todo se vén apoiada por prescriptores. Insisto que os temas de relación calidade /prezo e demais me parecen pouco interesantes para Galicia.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Hai algún aspecto dos nosos viños e da nosa viticultura no que ves que se podería mellorar?
Toda a viticultura galega está nun proceso de redefinición, estou seguro que moitas cousas serán distintas nuns poucos anos. Preocúpame a tentación de manter rendementos moi altos con tratamentos da viña intensivos.

Recomendaría explorar as vías de engadir valor na viña máis que optimizar custos a prezos competitivos

Preocúpame a tentación de manter rendementos moi altos con tratamentos da viña intensivos

As adegas españolas, e galegas en particular, enfróntanse a un problema estrutural de descenso do consumo interno. En España estase a apostar pola exportación pero a prezos moi baixos. Que lles recomendarías ao sector do viño de Galicia para facer fronte a esta situación?
Como dixen, concentrarse nos segmentos de maior prezo, insistindo en calidade e orixinalidade. Deberíase baixar os límites de rendemento e impedir que se plante viña onde calquera cousa de comer poida crecer.

Que tendencias crees que seguirá o mercado mundial do viño nos próximos anos?
En países produtores tradicionais haberá unha estabilización de demanda (ou descenso se triunfan as campañas que consideran o viño como unha bebida alcohólica máis) e un estancamento en consumidores tradicionais. Pola contra, prevese un aumento en novos produtores como China e Brasil (e probablemente Rusia tras a adhesión de Crimea). Tenderase a un desenvolvemento de novos nichos e haberá unha competencia crecente da cervexa artesanal.

[caption id="attachment_8016" align="alignleft" width="300"] Visita dos Masters of Wine ao Ribeiro. Autor: Jaime Díaz (INCUBARTE).[/caption]

Na Unión Europea acábase de aprobar unha nova normativa sobre plantación de novos viñedos que apraza ata o 2030 a liberalización do sector. Consideras que é o camiño correcto?
O que se chaman dereitos de plantación son en realidade privilexios de produción, que ata agora se mercantilizaban e a partir de agora se burocratizan. Na miña opinión, as dúas opcións son terriblemente negativas para o viño.

O único que se conseguiu co sistema de dereitos/privilexios é substituír miles de hectáreas de viñedo vello por viñedos de regadío de ningún interese cualitativo. Grazas ao sistema de privilexiar os insiders España é hoxe por hoxe o país que vende o viño máis barato e o menos apreciado do mundo.

"As restricións á plantación non serviron nunca para mellorar a calidade, senón o contrario"

En China inventaron o milagre de converter miles de litros de viño manchego en viño chinés mediante a adición dunha gota de viño chinés. E hai españois que non se avergonzan diso.

Por moito que se repitan, as mentiras son sempre mentiras. As restricións á plantación non serviron nunca para mellorar a calidade, senón o contrario. Pechar o acceso a novos actores, privilexiar aos que están dentro, impedir a libre actividade empresarial e agrícola dos seres humanos, matar a creatividade, corromper a actividade económica con decisións arbitrarias e constitúen a mellor estratexia antiviño.

Imaxino que os das campañas antiviño estarán felices.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada