Leite

Os produtores de leite en ecolóxico reclaman prezos xustos e implicación institucional

Nunha xuntanza organizada polo Sindicato Labrego en Teixeiro, os produtores alertan do estancamento de prezos baixos de industrias como Celta e demandan un prezo de partida de 55 cts/l máis calidades. Solicitan tamén garantir a compra para centros públicos, promoción específica, medidas para cubrir custos e frear a caída prezos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
24/04/2022 9:08 a.m.

Arredor dunha quinta parte das granxas produtoras de leite ecolóxico en Galicia secundaron este sábado a convocatoria de xuntanza aberta realizada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Museo Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro, Curtis).

No encontro analizouse e debatouse a situación do sector e as necesidades das gandeiras e gandeiros de leite en ecolóxico; aportouse información sobre a situación no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galiza (CRAEGA) e elaboráronse propostas de traballo para defender e fortalecer ao sector.

Malia contar con tan só 113 explotacións no CRAEGA -20 delas presentes na xuntanza de onte-, na Galiza prodúcese máis da metade do leite ecolóxico a nivel estatal. Logo duns anos de incremento na cantidade de leite producido e comercializado, sen embargo na xuntanza alertouse de que “atopámonos arestora cunha situación na que as industrias afirman que non hai mercado para o leite ecolóxico, polo que o prezo baixou en todo o Estado español, padecendo as produtoras galegas un dos máis baixos de todo o territorio”. Neste momento, e segundo os datos do FEGA do mes de febreiro, o prezo medio está en 0,48 euros o litro en todo o Estado e en 0,46 euros en Galiza.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Reclaman un prezo mínimo de 0,55 euros o litro.

Neste senso, as granxas presentes no encontro sinalaron especificamente a situación de estancamento en prezos baixos de Leite Celta -a segunda empresa en volume de recollida de leite ecolóxico na Galiza, logo de Lactalis-, manifestando a súa disposicón a iniciar accións para reivindicar ás industrias un prezo mínimo de partida de 55 cts/l máis primas.

Canda esta dificultade -estreitamente vinculada ás carencias na revalorización do leite ecolóxico a nivel europeo nos últimos anos-, as granxas están tendo que afrontar, ao igual que tódolos sectores produtivos, a exponencial suba dos prezos de insumos como a electricidade, o gasóleo ou os plásticos. Aliás, os participantes sinalaron que “existe unha significativa preocupación ante a sospeita de que algunhas industrias están devalorizar o produto poñendo no mercado leite ecolóxico envasándoo como convencional”.

Para solventar a situación de baixada de prezos e de estancamento na demanda, as gandeiras e gandeiros reunidos en Teixeiro elaboraron unha batería de medidas para instar á acción por parte da Consellaría do Medio Rural e do Ministerio de Agricultura e Alimentación. Acordaron, asemade, solicitar unha reunión urxente ca Consellaría do Medio Rural para facerllas chegar directamente, "habida conta do seu manifesto abandono cara o leite ecolóxico, que nin tan sequera estivo contemplado na estratexia de dinamización do sector lácteo galego".

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Compras públicas por parte da Xunta para centros de ensino e residencias

En primeiro termo, propoñen a creación dun foro de traballo do leite ecolóxico que funcione como espazo de intercambio, no que estean presentes tódolos operadores vinculados ao sector. Complementariamente, demandan a inclusión dun apartado específico para o leite ecolóxico no Observatorio que se vai crear para estudar os custos de produción e o desenvolvemento da Lei da Cadea.

Ademáis, entre as medidas de apoio para a transformación de produtos do futuro Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), pídese a priorización de investimentos para produtos lácteos ecolóxicos, proporcionando os máximos apoios posíbeis, así como o deseño dunha estratexia de promoción propia para o leite ecolóxico. Nesta liña, consideran fundamentais accións explícitas e de fondo por parte da Administración, como por exemplo garantindo a adquisición dunha porcentaxe de produtos ecolóxicos galegos na compra pública en centros educativos, sanitarios e residencias de persoas maiores, e acompañando esta acción cunha campaña de información en materia de alimentación saudábel.

No que respecta aos custos de produción e o apoio oficial a modelos produtivos respectuosos co medio ambiente, instan á Administración a sacar unha liña de traballo para a optimización da produción de forraxes propias; así como a primar o incremento de base territorial para as granxas en ecolóxico e a produción de cereais para o sector, a través dos instrumentos para a mobilización de terras.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No encontro aberto celebrado onte no Museo Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro) estiveron presentes tamén integrantes da Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a vogal do SLG-CCLL no CRAEGA, Concha López.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada