Leite

“Os leites vexetais son un engano publicitario, as súas propiedades non son comparables ás do leite de vaca”

Entrevista a Carlos Spuch Calvar, investigador do Instituto de Investigación Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David Glez. Eireixas 03/12/2015 12:11 a.m.

Carlos Spuch é investigador desde fai máis dunha década no Instituto de Investigación Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Está especializado en enfermidades neurolóxicas e dexenerativas e en como a alimentación afecta a esas enfermidades. Acaba de participar na Semana Gandeira de Mazaricos para apoiar con datos científicos os beneficios do consumo do leite, en especial do leite pasteurizado, “un alimento completo e con numerosos efectos beneficiosos sobre a nosa saúde”.

Que beneficios achega o consumo moderado de leite?
Por exemplo, o tomar leite quente antes de deitarse achega triptófano, un aminoácido esencial, que incrementa os niveis de serotonina no cerebro e proporciona a sensación de pracer, favorecendo a entrada nun sono de calidade. Tamén está comprobado que o leite, e en especial o leite enteiro pasteurizado, axuda a recuperar a flora intestinal, reduce as infeccións por bacterias malas como o Helycobacter Pylori e mellora as diarreas producidas por antibióticos.

Ademais, o consumo diario de leite ten efectos anticanceríxenos e protectores, sobre todo para cancro de próstata, de mama, de ovarios e colon-rectal. E para os deportistas é o alimento ideal, xa que ten unha alta concentración de proteínas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Por outra banda, está demostrado que consumir leite habitualmente reduce a hipertensión arterial.

Neste sentido, unha das liñas de traballo na que quero traballar é nos efectos beneficiosos do leite para reducir a inflamación de células cerebrais, así como os seus efectos antiproliferativos de células tumorais no cerebro.

Son comparables as propiedades nutricionais do leite de vaca coas chamadas “leites” vexetais?
Non son comparables, o leite de vaca é moito mellor. De feito, o leite de vaca é imposible de replicar en laboratorio pola cantidade de vitaminas, factores de crecementos, nutrientes...etc; mentres que os mal chamados leites vexetais é moi sinxelo replicalos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Os leites vexetais son un engano publicitario, as súas propiedades non son comparables ás do leite de vaca”

Os zumes de soia, avea...etc, non son leite. Que os fabricantes lles chamen leite é un engano publicitario e non entendo como non intervén o Ministerio correspondente para obrigarlles a cambiar o nome.

A que obedece a campaña contra o consumo de leite de vaca?
É algo que non me explico. Hai 8.000 anos que en Europa tomamos leite e nos últimos 20 anos cambiouse todo. O lóxico é que se consuman os produtos locais, como o leite para apoiar aos nosos gandeiros e ao noso rural, e non os zumes vexetais elaborados a partir de soia ou outros vexetais procedentes, en gran medida, da deforestación da Amazonía. E desde o punto de vista nutricional, non hai comparación coa riqueza do leite de vaca.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Que se debería facer para contrarrestar esta campaña contra o leite de vaca?
Creo que a Administración debería publicitar máis a calidade dos produtos lácteos galegos. É algo que se fixo, por exemplo, co viño: grazas ás campañas de información á opinión pública hoxe case todos os consumidores coñecen e valoran as propiedades beneficiosas dun consumo moderado de viño. Deberíanse dar a coñecer á opinión pública a través de campañas de información os numerosos estudos científicos que avalan as propiedades beneficiosas do consumo de leite.

“Falta unha cooperación entre gandeiros, consumidores, investigadores e administración”

Algo que temos pendente en España é crear unha interrelación entre investigadores, gandeiros, consumidores, industria e Administración para defender ao sector lácteo e as propiedades do leite. Se cooperamos todos podemos achegar algo positivo para o sector.

Nos últimos anos disparáronse en España os casos de intolerancia á lactosa. A que se debe esta proliferación?
É certo que as consultas de pediatría están agora cheas de xente intolerante á lactosa e ao glute. O máis fácil para o médico é retirar o leite sen pescudar realmente as causas.

Porque na maioría dos casos en Europa o leite non é o problema das inflamacións intestinais, senón máis ben a solución, sobre todo o leite pasteurizado.

 “Deberíase volver ao leite pasteurizado, moito máis beneficioso e nutritivo”

Para consumir leite necesitamos unha encima, a lactasa, que está no intestino e nas bacterias, os lactobacilus. O problema é que consumimos demasiado leite UHT e ao tomalo durante moitos anos e moito tempo acaba destruíndo flora bacteriana como os lactobacilos. Por iso, un vaso de leite pasteurizada é moi recomendable e tan efectivo ou máis que os iogures ou demais derivados lácteos que nos venden con lactobacilos.

Non é casual que a implantación do sistema UHT en España durante o últimos vinte anos coincida cun aumento das intolerancias á lactosa, debido a que ao quentala a 138 graos tanto a caseína como o triptófano altéranse, de forma que se reduce o efecto beneficioso tanto sobre a flora intestinal como o efecto pracenteiro. O sistema UHT é moi bo desde o punto de vista comercial, xa que permite transportar o leite a mercados afastados e conservala durante varios meses. Pero en Galicia e en España deberiamos volver ao leite pasteurizado, moito máis beneficioso e nutritivo, e que podemos conservar na neveira durante varios días.

 “A graxa do leite é moi boa, cun equilibrio entre ácidos graxos Omega 3 e Omega 6 equiparable ao peixe”

Estiven a vivir en Suecia, un dos maiores consumidores de leite do mundo, e todo o leite que se vende é pasteurizado e procede de granxas suecas. Ademais, non se retira tanta graxa do leite como en España

Pero non é mala a graxa do leite para a saúde?
A graxa do leite é boísima, ao mesmo nivel que a graxa de peixe. De feito a graxa do leite ten un equilibrio óptimo entre ácidos graxos Omega 3 e Omega 6. O problema en España é que se lle retira demasiada graxa ao leite. De feito, nos países nórdicos o leite desnatado é como o noso leite enteiro e é todo pasteurizado, e non existen practicamente problemas de intolerancias á lactosa.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada