Desenvolvemento rural

Os gandeiros valoran positivamente os cambios para a nova tempada de caza do xabarín

Unións Agrarias valora positivamente que o inicio da temporada se adiante ao 26 de agosto para controlar os danos dos xabaríns ou que facilite a caza por control de poboacións e danos nas zonas vedades. Instan a cambiar a Lei de Caza para permitir focos e miras nocturnas nas esperas.

31/05/2017 5:09 p.m.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2017-2018.

Por parte dos gandeiros, dende Unións Agrarias valoran positivamente que o inicio da temporada se adiante ao 26 de agosto para controlar os danos dos xabaríns ou que facilite a caza por control de poboacións e danos nas zonas vedadas. Sen embargo, instan a cambiar a Lei de Caza para permitir focos e miras nocturnas nas esperas.

Segundo o establecido nesta Resolución, a vindeira tempada de caza abarca desde o 1 de agosto deste ano ata o 31 de xullo do 2018, establecéndose como o período hábil xeral para exercer a actividade o comprendido entre os días 15 de outubro de 2017 e 6 de xaneiro de 2018, ambos incluídos. Considéranse días hábiles de caza con carácter xeral os xoves, domingos e festivos de carácter estatal e autonómico.

Novidades: os sábados poderanse realizar batidas de xestión

Entre as principais novidades que se recollen para a nova tempada, destaca o feito de que nos Tecor e explotacións cinexéticas comerciais, posibilítase realizar batidas de xestión e esperas en toda a súa superficie os sábados do período hábil de caza menor.

Tamén se poderán realizar batidas e esperas nas zonas vedadas dos tecores nos períodos comprendidos entre o 2 de setembro de 2017 e o 14 de outubro de 2017 e desde o 7 de xaneiro ao 11 de febreiro de 2018, cando se planificaran e executaran actuacións de mellora sobre aquelas poboacións cinexéticas que poidan ser afectadas negativamente polo raposo.

Inclúese a modalidade de caza de axexo como medida para reducir os danos producidos polo corzo.

Establécense nesta resolución dous novos procedementos:

- Solicitude de aprobación do Plan Anual de Aproveitamento Cinexético (procedemento MT720A).
- Solicitude de aprobación da renovación do Plan de Ordenación Cinexética (procedemento MT720B).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes dunha das anteriores, de acordo co establecido na nova normativa que regula o procedemento administrativo.

Réximes por especies

Na seguinte táboa indícanse os períodos hábiles para a tempada de caza 2017-2018 por especie.

ESPECIE

PERÍODO HÁBIL

OBSERVACIÓNS

Arcea e Agacha

Prorrógase o seu período hábil en terreos cinexéticos de réxime especial ata o 11 de febreiro do 2018

Raposo

Autorízanse batidas en dous períodos: dende o 02/09/17 ata o 14/10/17 e dende o 07/01/18 ata o 11/02/18, os xoves sábados, domingos e festivos Autorízase a modalidade de espera como medida de xestión

Paspallás

Non hai novidades As modalidades en man e ao salto, permiten un máximo de 15 escopetas por xornada e cuartel de caza

Corzo

Con carácter xeral, prohíbese o aproveitamento das femias, permitindo a súa caza puntual e localizada, como consecuencia dos danos que poidan ocasionar Sempre e cando se solicite e xustifique, autorizarase a caza das femias adultas en descaste nas modalidade de axexo, batida ou montaría en dous períodos: ben do 02/09/17-14/10/17 ou ben do 07/01/18-04/02/18 a elección do titular do aproveitamento

Xabaril

O período hábil de caza en terreos de réxime cinexético especial é do 26/08/2017 ata o 14/01/2018 xoves, sábados, domingos e festivos. En terreos de réxime cinexético común do 26/08/2017 ata o 31/08/2017 e do 07/01/2018 ata o 14/01/2018 os xoves, sábados, domingos e festivos, e do 01/09/2017 ao 05/01/2018 unicamente os sábados.

Cervo, gamo e muflón

O período de caza con todas as modalidades de caza é do 15/10/2017 ata o 14/01/2018

Cabra montés

A modalidade permitida é o axexo, autorizándose a caza de machos selectivos e femias adultas en descaste dente o 15.09.2017 ata o 31.10.2017, e de machos trofeo dende o 15.12.2017 ata o 15.03.2018

[box style="0"]

Valoración dende Unións Agrarias

Dende Unións Agrarias, o responsable de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijóo, valora que “o inicio da temporada ordinaria o 26 de agosto para o xabaril é positivo”. “Permite facer prevención sobre a colleita de millo, xa con batidas ordinarias, en temporada de caza. Ao longo de setembro e outubro, permiten completar prevención sobre a espiga, e sobre a castaña nas zonas de castaña”, destaca.

Sen embargo, Jacobo Feijóo advirte de que “o importante e que nesas datas os TECOR se impliquen iniciando as batidas ordinarias, e programándoas nas zonas de cultivo para afastar ao xabarín durante o período de maduración da espiga”.

“O importante é que para as batidas do xabarin en agosto e setembro se impliquen os Tecores”

Ademais, valora que na regulación da nova tempada cinexética “se facilite a caza por control de poboacións e danos nas zonas vedadas, é positivo, pois dá flexibilidade”.

Non obstante, o responsable de Unións lembra que é necesaria unha reforma da Lei de Caza para abordar as cuestións máis de fondo. “Para cambiar o sistema de esperas con posibilidade de focos ou miras nocturnas, e dar así seguridade e eficacia, ou para autorizar abater crías para alonxar as manadas, de xeito que con menos baixa, gañemos en máis protección, ten que pasar por una reforma da Lei de Caza”, conclúe.

[/box]

 

Etiquetado
Ir a la portada