[caption id="attachment_197618" align="aligncenter" width="660"]
Tralo éxito da marcha deste martes polas rúas de Lugo, a asociación convocante, Gandeiros Galegos da Suprema, mantén "con carácter indefinido" as protestas diante dos edificios da Xunta de Galicia e a Subdelegación do Goberno, as administracións ás que piden que actúen para acabar coa actual situación de venda a perdas que, segundo denuncian, se está a producir no sector do vacún de carne.
“Quedou patente que o sector quere cambios e que a xente está unida e animada a seguir coa reivindicación”, asegura Santiago Rego, presidente da asociación de produtores de Suprema.
Os tractores abandonaron a Ronda da Muralla onte ás 8 da tarde para evitar "prexuizos innecesarios" á poboación, pero os gandeiros seguirán concentrados até que a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Agricultura atendan as reivindicacións dos produtores.
Decidimos abrir o tráfico para non causar prexuizos innecesarios á poboación, queremos ter do noso lado aos consumidores que compran a nosa carne
“Mantemos de xeito testemuñal algúns tractores aparcados diante da Xunta, que permanecerán o tempo que esteamos tamén nós. Quen ten que mover ficha é a Administración e de momento non recibimos contestación ningunha”, asegura Santiago Rego.
Reparto de información aos consumidores
Os gandeiros farán turnos para manter unha presenza permanente diante das dúas Administracións e están aproveitando para repartir dípticos informativos aos cidadáns para explicarlles o valor diferencial da carne amparada pola IXP Ternera Gallega Suprema e a labor medioambiental e de fixación de poboación que a gandería realiza no rural.
Estamos informando á xente da labor que fan as ganderías tradicionais e da diferenciación da carne de Suprema
Loading ad.Ad could not be loaded.
“A acollida está sendo moi boa. A xente sabe o que lle subiu a carne no supermercado ou na carnicería, pero non canto nos pagan aos gandeiros por producila e descoñecen que moitas veces lles están vendendo a carne de cebadoiro ao mesmo prezo que a producida en extensivo”, explicaban esta mañá algúns dos gandeiros concentrados. “Nós non pedimos que se suba máis ao consumidor, senón que o reparto dentro dos elos da cadea sexa máis xusto”, din.
[box style="0"]
“Queremos que se trate por igual a todos os gandeiros, non pode haber discriminación por ter a explotación nun concello ou noutro”
[caption id="attachment_197624" align="aligncenter" width="660"]
Unha das reivindicacións da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema ten que ver co reparto de fondos da nova PAC, na que se sinten prexudicados. “Non podemos seguir sufrindo discriminación. O pago por vaca nodriza é de 85 euros, fronte a case o dobre para os nosos compañeiros os produtores de leite. Non queremos que lles baixen a eles, pero a nosa axuda está conxelada desde o ano 2014, non se actualizou nin o IPC”, denuncia Santiago Rego.
Outra das queixas de cara ao novo período 2023-2027 da Política Agraria Común ten que ver co factor de degresividade introducido pola Xunta nas axudas agroambientais, cun recorte de fondos a partir das 50 hectáreas de superficie e que “castiga” ás explotacións profesionais.
Asimesmo, non están dacordo cos criterios introducidos para o reparto do complemento por ataques do lobo. “Non ten lóxica que unha gandería que está nun concello cobre este complemento e outra que está no do lado non, porque o lobo non entende de marcos e hai un estudo da propia Xunta que di que o lobo está presente no 94% do territorio galego", xustifican.
Non pode haber diferenzas entre gandeiros por estar na montaña ou no interior, todos producimos carne de calidade e todas as zonas teñen os seus pros e os seus contras
Outro elemento que introduce diferenzas entre ganderías é o feito de que esta axuda non sexa compatible coa produción ecolóxica, o que provoca discriminacións en ganderías dentro do propio concello.
“Nós queremos que se trate por igual a todos os gandeiros de carne de Galicia, porque todos producimos carne de calidade e estar nunha zona ou noutra ten os seus prexuizos e os seus inconvintes, os seus pros e os seus contras”, argumentan desde a Asociación.
[/box]