Leite

Os gandeiros denuncian que a industria “nos impón producir leite a perdas”

Concentración en Santiago convocada pola Organización de Productores de Leche (OPL). Aseguran sentirse indefensos “cunha Administración que mira para outro lado ante os abusos da industria e da distribución”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David González 06/04/2015 4:05 p.m.

Arredor dun cento de gandeiros concentráronse esta mañá en Santiago de Compostela diante da Xunta de Galicia para denunciar a súa indefensión ante uns prezos que lles está a impoñer a industria nos contratos lácteos que, segundo os produtores, sitúanse por debaixo dos custos de produción.

A mobilización estaba convocada en solitario pola Organización de Productores de Leche (OPL). O seu presidente, Manuel Iglesias, asegurou que “estamos nunha situación moi complicada debido a un escenario no que a industria nos quere impoñer un prezo de 28-30 céntimos por litro de leite para todo o ano, cando os custos de produción están en torno aos 34 céntimos”.

Ante esta situación, o representante dos gandeiros criticou que “a Administración está mirando para outro lado, deixando todo en man das Organizacións de Produtores, unhas organizacións que aínda se están fundando e que non teñen capacidade abonda para negociar coa industria e influír nos prezos”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Asinamos un contrato a seis meses: unha parte vai a 29 céntimos e a outra non sabemos”

En declaracións a Campo Galego, un gandeiro de Santa Comba que prefire manter o anonimato, explica que “no noso caso o contrato que asinamos foi a 6 meses e unha parte do leite fixáronnolo en 29 céntimos, e outra parte a prezo descoñecido, en función dunha serie de factores de mercado”.

Coincide tamén na percepción de que “a Administración mira para outro lado evitando enfrontarse cos que nos fixan os prezos: a industria e a distribución, porque o consumidor podería pagar sen problema 2 céntimos máis por litro de leite, pero para nós pasar de cobrar 29 a 31 céntimos si que é un problema”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“As organizacións de produtores están sendo anuladas pola industria e a distribución”

Manuel Antelo, outro gandeiro de Santa Comba, lembra que “o gandeiro é a parte feble da cadea”. Sen embargo, considera tamén que “o paquete lácteo non resolve o problema e as Organizacións de Produtores, a industria e a distribución están tentando anulalas”.

Ao igual que o resto dos gandeiros, Manuel Antelo afirma que “estamos vendendo o leite nunha banda de entre 27 e 28 céntimos, cando os custos de produción están entre 34 e 36 céntimos por litro”. Neste sentido, asegura que “estamos producindo a perdas, porque aínda que as materias primas baixaron, os custos fixos das explotacións seguen aumentando”.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ademais, Manuel Antelo denuncia que “no último mes estamos vendo como a industria está repercutindo nos gandeiros a multa de 80 millóns de euros que lle impuxo Competencia por pactar os prezos”.

“Gastei máis de 30 millóns en mercar cota e agora ese capital queda en nada”

José Luis Ríos, un gandeiro de Trazo, tamén advirte que “levamos 4-5 anos cobrando menos prezos que en toda España, con Comunidades nas que o o prezo do leite é 6 céntimos superior a Galicia”.

Por último, José Luis pon o foco sobre outro dos problemas do sector lácteo galego: a perda dos centos de millóns investidos na compra de cota láctea. “Gastei máis de 30 millóns de pesetas en compra de cota, e agora quedei sen nada, mentres noutros países, nos que a cota asignada se correspondía coa demanda, non tiveron ese problema e agora sácannos ese dereito sen ningún tipo de compensación”, lamenta.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada