Leite

Os gandeiros deciden bloquear o Centro Loxístico de DIA en Santiago

Principio de entendemento con Alcampo con quen pactarán unha reunión mañá. A multinacional francesa ofrece implantar medidas similares ás acordadas con Carrefour

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 22/12/2015 7:16 p.m.

A asemblea de gandeiros da Coruña, que estivo bloqueando o Carrefour de Alfonso Molina durante 13 días, acordou esta tarde sacar os tractores da cidade herculina para bloquear a partir desta noite o Centro Loxístico de DIA en Santiago de Compostela.

Tras os acordos dos últimos días con Carrefour, con Lidl, con Eroski e hoxe con Gadis, os gandeiros consideran que DIA é a principal cadea de distribución que está a prexudicar os seus intereses. Para xaneiro, segundo os produtores, DIA ten anunciada unha baixada de 4 céntimos nos prezos de partida das súas poxas semanais de compra de leite.

Os produtores son conscientes de que a confrontación con DIA pode ser longa pero amósanse dispostos a dar a batalla ata o final, pois entenden que se quedase unha cadea no mercado tirando á baixa cos prezos convertiría en papel mollado os acordos aos que os gandeiros chegaron cos outros grupos (Eroski, Lidl, Carrefour e Gadis).

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Principio de acordo con Alcampo

Na asemblea de hoxe á tarde na Coruña, Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, informou aos gandeiros dun principio de entendemento con Alcampo. A cadea francesa quedou en concretar mañá unha reunión cos gandeiros e xa lles anunciou que está disposta a aceptar medidas similares ás pactadas con Carrefour.

Con Carrefour chegouse ao acordo de que subirá 2 céntimos aos seus provedores de marca branca -Lactalis e Leche Celta-, unha suba que as industrias repercutirán en xaneiro aos produtores.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Os gandeiros temen que sen DIA os acordos co resto da distribución queden en papel mollado

O problema radica, como era previsible, en que o leite que Lactalis e Leche Celta comercializan con Carrefour é só unha parte da súa produción. Lactalis, que tamén lle vende marca branca a DIA, quedou de cuantificar estes días o incremento que lle fará chegar aos gandeiros. Con Leche Celta cóntase con que, en principio, haxa menos problemas xa que a cooperativa portuguesa tamén se viu beneficiada polos acordos con Lidl e con Eroski e co que, previsiblemente, se pechará con Alcampo. Os provedores de marca branca de Alcampo son Lactalis e Leche Rio.

Así as cousas, os gandeiros concentrarán agora os seus esforzos sobre DIA, que se prové de leite en, entre outras industrias, Central Lechera Asturiana, Reny Picot, Lactalis e Feiraco, segundo se explicou esta tarde na asemblea da Coruña.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En canto ás asembleas gandeiros da Plataforma en Lugo e en Lalín, representantes das mesmas xa lle trasladaron aos gandeiros da Coruña que proporían nas súas respectivas asembleas que se celebrarán esta noite secundar a decisión que se adoptase na Coruña esta tarde.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada