Leite

Os gandeiros da muralla valoran a forma xurídica da organización a crear

Representantes de 38 concellos de Lugo e da Coruña continúan a traballar no proxecto. Os produtores están a manter reunións con entidades públicas e privadas, así como asembleas cos profesionais do sector

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 29/09/2015 3:01 p.m.

O grupo de gandeiros que coordinou a tractorada da muralla de Lugo entre o 3 e o 12 de setembro continúa a traballar no deseño dunha organización que lle dea continuidade a aquel movemento. Os produtores, que xa no primeiro día da tractorada se desmarcaran dos sindicatos agrarios tradicionais, aspiran a constituir unha entidade que lles permita facer oír a súa voz e estar representados nos foros nos que se deciden as políticas do sector. Polo de agora, o grupo coordinador da muralla está a valorar que forma xurídica darlle ó proxecto.

Os pasos para impulsar a nova organización estanse a fraguar seguindo o modelo de traballo iniciado na tractorada. O grupo de representantes gandeiros por concellos que coordinou a protesta segue a reunirse para debatir e decidir sobre o proxecto. Os produtores, con presenza en 38 concellos, principalmente de Lugo pero tamén da Coruña, están a organizar asembleas informativas en distintos concellos para tratar de recabar o apoio dos gandeiros. Tamén mantiveron nas últimas semanas reunións con entidades públicas e privadas, aínda que “sen chegar a acordos con ningunha”, según explicaron hoxe nunha rolda de prensa que celebraron en Lugo.

"Roberto López foi a voz das decisións da maioría, pero el nin tiña voto na reunión de representantes" (Manuel Rodríguez)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Na rolda de prensa compareceron oito dos gandeiros que participan na reunión de representantes. O obxectivo da convocatoria era aclarar malentendidos e despexar dúbidas. Falaron no acto principalmente Manuel Rodríguez e Odón Castro, en tanto Roberto López, que fixera de voceiro dos mobilizados na muralla, preferiu quedar nun segundo plano.

Portavocía
O grupo aspira a consolidar polo de agora unha portavocía colectiva e quixo deixar claro que “Roberto non é o líder”. “Roberto foi só a voz das decisións da maioría, tomadas polos representantes dos concellos tras reunirse cos seus veciños” - explicou Manuel Rodríguez poñéndolle voz a un escrito consensuado por todos os representantes que traballan no proxecto.- “El nunca impuxo ningunha decisión e de feito non tiña voto nas reunións de portavoces dos concellos”.

Por este motivo, os gandeiros din non entender por que Roberto López está a concentrar "todo tipo de críticas" e palabras maiores, ata situacións que afectan a súa vida persoal e familiar.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"Imos crear unha organización feita por e para gandeiros, sen cores ideolóxicas" (Odón Castro)

Os produtores que compareceron hoxe na rolda de prensa trataron de aclarar no posible o proceso no que están embarcados, aínda que por agora, só dúas semanas despois de deixar a muralla, nin eles mesmos poden dar pistas firmes de en que se plasmará o proxecto no que traballan. “Queremos continuar pelexando polo noso e estamos abertos a quen se queira unir porque seguimos pensando que a unión fai a forza” -expuxo Odón Castro na rolda de prensa.- “Imos crear unha organización feita por e para gandeiros, sen cores ideolóxicas e que só vai representar as cores da terra e dos animais cos que traballamos”.

Principios
Os gandeiros declaran catro principios básicos para a nova organización: independencia, transparencia, participación e espíritu pacífico. Preguntados por se poderían constituirse en organización de produtores que negociase coas empresas a venda do leite dos seus asociados, o grupo indicou que era unha posibilidade máis sobre a mesa. “O ideal quizais sería iso, pero nacemos onte”, valorou Roberto López.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"O ideal quizais sería crear unha organización de produtores, pero aínda nacemos onte" (Roberto López)

Tampouco se pechan a conversas con outros colectivos do sector, “que compartan as nosas ideas e sen ningún tipo de cor”, se ben, a idea de crear unha organización propia e autónoma semella consolidada.

Asembleas
En canto ás asembleas informativas que están mantendo por concellos, os gandeiros sinalan que están convocándoas polo “boca a boca” e polo whatsapp. Recoñecen que é posible que a información non chegue a todos os produtores, pero tamén aseguran que haberá múltiples xuntanzas e ocasións para que todos os gandeiros interesados poidan sumarse ó proxecto.

Sobre o acordo de Madrid e posibles mobilizacións futuras, o grupo da muralla en valoralo como un acordo de “boas intencións”. “A partir de outubro saberemos se as boas intencións son boas ou non”, concluiu Roberto López.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada