Desenvolvemento rural

Os expertos recomendan plans de prevención personalizados como a mellor blindaxe contra o coronavirus en granxas

Destacados especialistas en control de materias primas e seguridade alimentaria debullaron este venres as principais medidas para evitar os contaxios pola Covid-19 no transcurso das XII Xornadas Técnicas organizadas pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac)

Campo Galego 25/09/2020 5:50 p.m.

[caption id="attachment_127674" align="aligncenter" width="660"] Un momento das xornadas de Agafac, celebradas por videoconferencia por mor da pandemia[/caption]

Cada granxa e explotación agraria debe contar cun plan de continxencia específico porque a planificación e prevención serán os seus mellores antídotos contra a pandemia. Así se destacou este venres durante a XII Xornada Técnica Galis para responsables de calidade das fábricas que forman parte do Sistema Galicia Alimentos Seguros (Galis), impulsado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac).

Baixo o título Actualización sobre micotoxinas e aspectos básicos de prevención da Covid-19, o foro, que se celebrou online con motivo da crise sanitaria, contou coa presenza de expertos en seguridade alimentaria, que abordaron, entre outras cuestións, como afronta o sector agroalimentario a crise sanitaria.

Cada empresa e cada granxa é un mundo, polo que son necesarios plans de continxencia a medida nos que é indispensable a formación dos traballadores (María del Carmen Ramos)

A directora técnica en Consultoría Integral de Prevención de Riscos Laborais, María del Carmen Ramos Lema, impartiu a relatorio Aspectos básicos da prevención da Covid-19. Na súa intervención, a experta fixo fincapé na importancia de realizar plans de prevención a medida porque “cada empresa é un mundo, aínda que todas pertenzan ao mesmo sector”, polo que insistiu en que implantar unha planificación xenérica sería un grave erro.

74.000 explotacións agrarias e 30.000 granxas en Galicia

Ramos encomiou o comportamento dun sector que desde o primeiro momento se converteu en esencial e recomendou non baixar a garda. “Hai que tomar todas as precaucións posibles”, engadiu a experta. Así, lembrou que a prevención sempre ten que ir acompañada da formación dos traballadores e sinalou que este aspecto debe ser “indispensable” en todos os plans de continxencia.

“Mesmo naquelas granxas e explotacións que están máis illadas e onde, a priori, hai menos risco de contaxios é necesario dispoñer dun plan específico”, dixo, tras lembrar que en Galicia hai máis de 74.000 explotacións agrarias e 30.000 granxas. Por último, lembrou que actos tan básicos como manter a distancia de seguridade, usar máscara ou a desinfección son claves para blindarse fronte ao coronavirus.

Control das micotoxinas nos pensos

O director de Agafac, Bruno Beade, foi o encargado de abrir a XII Xornada Técnica para responsables de calidade das fábricas Galis, que tamén contou coa presenza de destacados especialistas no control das micotoxinas, entre eles, co director dos servizos científico-técnicos da Universidade de Lleida, Antonio J. Ramos Girona, que pronunciou a conferencia Micotoxinas: Aspectos básicos e resto de futuro. A contaminación de micotoxinas no cultivo de millo centrou a intervención de Joan Serra Gironella, investigador do Programa de Cultivos Extensius Sostibles do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA) de Cataluña.

O 96% dos pensos que se fabrican en Galicia contan cunha analítica das materias primas en porto á chegada dos barcos que as transportan

O foro puxo o broche final co relatorio de Luisa Delgado Núñez, responsable do departamento técnico de Agafac e Galis, titulada 15 anos do sistema Galis: control de micotoxinas. O Sistema Galicia Alimentos Seguros (Galis) foi creado por Agafac para extremar a seguridade alimentaria a través da propia implicación do sector. Na actualidade, Galis controla o 96% da produción de pensos de Galicia mediante as análises da materia prima que os técnicos realizan á propia chegada dos buques. Estes controis rápidos comproban que as materias primas non superen e cumpran os límites establecidos pola Unión Europea, que se encarga de ditaminar que ingredientes se poden utilizar nos pensos e cales non.

[box style="0"]

Máis información

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada