Os ecoesquemas da PAC melloran a súa adaptación a Galicia: requisitos e pagos

Os novos pagos ambientais que terá a Política Agraria Común amoldaranse ás prácticas gandeiras habituais na comunidade, como a rotación millo – pradeira ou os periodos de sega dos prados

G.B. 21/10/2021 6:27 p.m.

A nova proposta para os ecoesquemas da PAC, que o Ministerio de Agricultura pechará este outono, amóldase mellor que a inicial ás características da gandería galega, de xeito que ofrece diversas posibilidades para que as granxas de vacún de leite e de carne, así como as de ovino e caprino, perciban os futuros pagos medioambientais da Política Agraria Común. Non é unha cuestión menor, pois estes pagos, que entrarán en vigor no 2023, supoñen unha cuarta parte do total de pagos directos da PAC.

En relación á proposta presentada a comezos de ano, o Ministerio fixo unha serie de adaptacións para atender as demandas das comunidades da Cornixa Cantábrica, que entendían que aquel deseño de ecoesquemas orientábase máis á agricultura mediterránea.

Cos cambios introducidos, flexibilízanse por exemplo os requisitos de periodos de sega, pois entre outras cuestións, non se esixe proceder á sega despois da floración, coa conseguinte perda de calidade da forraxe que iso levaría consigo. No ecoesquema de rotación de cultivos, tamén se teñen en conta as rotacións dentro dun mesmo ano, co cal poderían entrar algunhas rotacións millo – pradeira, sempre en cando cumpran cos requisitos do ecoesquema, como os relacionados con especies mellorantes, entre elas as leguminosas.

Cada parcela poderá estar adscrita só a un ecoesquema, aínda que cumpra cos requisitos de varios

Outros ecoesquemas que presentan interese para Galicia son o de pastoreo extensivo, no que a Xunta reclama ampliar os abanos de carga gandeira mínima e máxima, e o de espazos de biodiversidade en terras de cultivo e cultivos permanentes.

Unha cuestión a ter en conta é que cada parcela só poderá computar para o cobro dun ecoesquema. Aínda que nalgunha parcela se poidan cumprir diversas prácticas medioambientais, só se percibirá axudas por unha delas.

Os ecoesquemas teñen dúas orientacións principais, a de lograr unha agricultura cunha menor pegada de carbono e a de avanzar na agroecoloxía, fomentando a biodiversidade, así como a conservación da paisaxe, do solo e da auga.

Estes son os sete ecoesquemas da última proposta do Ministerio de Agricultura, debatida hoxe na Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas. Espérase que, salvo algún axuste menor, sexa a proposta que se lle traslade antes de fin de ano a Bruxelas.

1) Pastoreo extensivo

Esta práctica consiste no pastoreo extensivo durante un periodo mínimo de entre 90 e 120 días ó ano, cun mínimo de 650 horas. Pode facerse tanto en pastos permanentes como temporais, adicados ó pastoreo, polo que quedan exceptuados os prados de sega.

Os beneficiarios poden ser tanto gandeiros de vacún como de ovino e caprino. Tamén se prevé para gando equino e porcino adicado á produción extensiva de carne.

O pastoreo extensivo considérase que contribúe a que os pastos absorban carbono e se compense parcialmente a pegada de carbono da agricultura e a gandería. O Ministerio sinala que os principais estudos na materia calculan que a captura de carbono por pastos nunha gandería pode mesmo superar o 60% do carbono producido en vacún de carne e o 90% en ovino de leite.

2) Sega sostible e mantemento de marxes sen segar.

O obxectivo é evitar o abandono de pastos de sega e contribuír ó mantemento da biodiversidade, en especial das poboacións de mariposas que se reproducen e se alimentan nestes cultivos.

Este ecoesquema aplícase a nivel de explotación, tendo en conta todas as hectáreas elixibles susceptibles de sega e sobre as que se realice unha das dúas prácticas seguintes:

a) Establecemento de marxes sen segar, illas ou espazos de biodiversidade en zonas húmidas.

Estes elementos comprenderán unha porcentaxe do 7% do conxunto da superficie de pastos de sega declarados polo titular, porcentaxe que se computa a nivel de explotación, non de parcela. As franxas non segadas poderán rotar de ano en ano.

Estas marxes deberán someterse a explotación gandeira (sega, pastoreo ou desbroce) unha vez se complete o ciclo biolóxico das mariposas, e nunca antes do 30 de agosto. Ademais, non se poderán utilizar herbicidas no seu manexo. Os elementos da paisaxe e estruturais existentes, como valados, computarán a efectos de marxes.

b) Sega sostible.

A sega producirase durante a estación vexetativa principal cunha frecuencia que non superará os 2 cortes ó ano. Establerase ademais un periodo de non aproveitamento dun mínimo de 60 días ó ano, que fixarán as autoridades entre os meses de xuño, xullo e agosto. O obxectivo é favorecer o propio ciclo vexetativo dos pastos e o ciclo de vida das mariposas.

Sempre que sexa posible, en particular en Rede Natura 2000, priorizarase o destino do prado para herba seca ou outras alternativas ó ensilado.

Os beneficiarios deberán incluír no caderno da explotación tanto o calendario de sega como as prácticas realizadas en relación ó establecemento de marxes.

3) Rotacións en terras de cultivo

O ecoesquema contempla principalmente a rotación anual de cultivos na explotación con especies mellorantes, pero precisa que tamén considerará rotación a aquela que teña lugar no mesmo ano. Iso abre a opción de que as parcelas adicadas a millo en Galicia se poidan beneficiar deste ecoesquema.

A práctica da rotación, segundo valora o Ministerio, xera elevados beneficios ambientais, pois aumenta a fertilidade do solo, mellora a súa estrutura e redúcese a incidencia de malas herbas, pragas e enfermidades. Por todo elo, os beneficios da rotación inclúen un menor uso de fertilizantes e fitosanitarios e unha redución da erosión.

Requisitos

Etiquetado
Ir a la portada