Leite

Os controis gandeiros comproban unha ruta estable Portugal – Monforte de importación de leite

Os produtores fixeron hoxe inspeccións nas proximidades da factoría de Euroserum, onde revisaron un camión cisterna con soro lácteo procedente do país veciño e comprobaron o paso de camións de leite da Fornecedora

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 21/04/2016 6:34 p.m.

Un grupo de gandeiros estableceu estes días controis nas proximidades da factoría de Euroserum para valorar o movemento de cisternas procedentes de Portugal. As inspeccións confirmaron a existencia dunha ruta estable de importación de leite Portugal – Monforte, con varios camións cisterna de leite que acceden cada día á industria monfortina procedentes do país veciño.

Os gandeiros déronlle tamén o alto na tarde de hoxe a un camión cisterna que traía soro lácteo concentrado para Euroserum Ibérica. Logo de revisar o veículo, permitiron que continuase a marcha. Polo lugar circulou ademais unha cisterna da Fornecedora, unha empresa de suministro lusa, que viña de descargar leite en Euroserum.

Os produtores están a realizar os controis como xeito de denunciar a importación de leite por parte de industrias e primeiros compradores xusto nun intre no que o sector atravesa unha grave crise.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Vendas para leite en po

Máis de medio milleiro de explotacións galegas están vendendo a súa produción por baixo dos 20 céntimos, con destino para leite en po, debido a que as industrias argumentan que non teñen onde colocala. De xeito paralelo, seguen entrando cisternas de leite de Portugal diariamente, unha circunstancia que aínda que legal, está a perxudicar ó sector gandeiro galego, ó entender dos produtores.

Os gandeiros demandan presión política desde as institucións para frear as importacións de leite. Meses atrás, un grupo de produtores xa baleirou unha cisterna de leite da Fornecedora en Monforte. Medio Rural, pola súa banda, está a facer inspeccións sobre as cisternas importadas e a aplicar sancións cando hai motivos administrativos que o xustifican.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada