Desenvolvemento rural

Os cazadores ven insuficientes as medidas para previr danos do xabarín en cultivos

Unha enquisa da Unitega, realizada maioritariamente entre cazadores, amosa un consenso sobre a necesidade de executar accións antes de que se produzan os anos. Cuestiónase tamén que os vedados inclúan á caza maior

Campo Galego 13/12/2017 11:08 a.m.

As propostas realizadas pola Unión de Tecores de Galicia (Unitega) para mellorar a prevención de danos de xabarín sobre os cultivos semellan xerar un amplo consenso. Nunha enquisa de carácter non científico realizada pola propia Unitega, contestada maioritariamente por cazadores e/ou agricultores e gandeiros, sete de cada dez persoas consideraron que os actuais protocolos de prevención de danos non son axeitados.

Un dos problemas que detecta Unitega na xestión do xabarín é que as medidas só se aplican con posterioridade ó dano, cando os cazadores entenden que deberían tomarse medidas con anterioridade, en base a indicios de campo e ó coñecemento das poboacións do porco bravo e dos danos que vén producindo. Na enquisa, un 78% das persoas consultadas están de acordo con esa postura e consideran que deberían executarse medidas de prevención antes de que se produzan os danos.

Fóra do periodo de caza, entre as medidas de prevención máis eficaces, os consultados consideran que a realización dunha batida sen armas é o método máis axeitado. Tamén é ben valorada a acción de disuasión cun grupo de cans soltos, cun máximo de 6 cazadores e 12 cans. Outra medida, a acción de disuasión con cans atraillados, considérase sen embargo que pode ter unha eficacia media – baixa.

A segunda cuestión quente que destaca na enquisa é a dos vedados de caza, que se establecen durante un periodo de dous anos nun 10% da superficie de cada Tecor. Desde a óptica do control da poboación do xabarín, Unitega considera que os vedados deberían afectar só á caza menor, pero non á caza maior. Esa postura é refrendada de novo por oito de cada dez persoas que participaron na enquisa.

Máis información
- Como denunciar os danos do xabarín?

Etiquetado
Ir a la portada