Desenvolvemento rural

Os cabalos, protagonistas de novo o 21 de xullo na Festa do Turismo Rural do Vicedo

O mirador do parque eólico de Riobarba acolle unha celebración con máis de dúas décadas de vida que segue congregando a numerosos participantes no xantar campestre e nas concurridas carreiras de cabalos de despois

Campo Galego 12/07/2019 3:41 p.m.

[caption id="attachment_94395" align="aligncenter" width="660"] As carreiras que se celebran tralo xantar son un dos puntos fortes da xornada[/caption]

O Concello do Vicedo organiza o vindeiro domingo 21 de xullo unha nova edición da Festa do Turismo Rural, que reunirá no mirador do parque eólico de Muronovo, na parroquia de Riobarba, a veciños e afeccionados ao mundo ecuestre. Centos de persoas participarán como cada ano no xantar celebración que cumpriu xa as dúas décadas de vida e que ten como protagonistas aos cabalos, con animadas carreiras e concursos que xuntan a participantes de toda a comarca.

Esta celebración festiva destacada do verán congrega todos os anos a un importante número de asistentes, tanto veciños coma visitantes que disfrutan dun día de convivencia con festa gastronómica e cita ecuestre

Como cada ano, a festa comeza cunha misa campestre na honra de San Vicente de Francos baixo a carpa instalada na explanada o parque eólico para que as néboas habituais e a climatoloxía cambiante desta zona elevada non poñan en perigo os distintos actos do programa.

Ao rematar a celebración relixiosa ten lugar o xantar a base de produtos como chourizo, xamón, empanada, lacón asado ou queixo. Tanto a comida como a bebida, con viño e auga, son gratuitas, cortesía do Concello de O Vicedo, que corre con todos os gastos da festa.

A partir das 5 da tarde dá comezo o campionato ecuestre, con carreiras de cabalos e concursos nos que se reparten máis de 1.200 euros en premios aos participantes nas distintas categorías: carreiras de trotóns, marcha, carreira de cabalos de cruce e mellores cabalos de raza. Trátase dunha cita consolidada á que acoden afeccionados e participantes de toda a comarca da Mariña, de Ortegal e mesmo da Terra Cha. Trala entrega de premios comeza a verbena e o baile.

Aeroxeradores compatibles co entorno natural

[caption id="attachment_94392" align="alignright" width="300"] Veciños e veciñas disfrutando do xantar campestre[/caption]

A Festa do Cabalo do Vicedo comezou a celebrarse cando se construiu o parque eólico, segundo lembra o alcalde, Jesús Novo, e naceu coa idea de demostrar que os aeroxeradores poden ser compatibles co entorno natural.

Desde o mirador do parque eólico de Riobarba hai unha impresionante panorámica da ría do Vicedo e das veciñas rías do Barqueiro e Viveiro, das pontes que permiten cruzar o río Sor, da súa desembocadura e do litoral desta zona, salpicado de illas, como a Coelleira ou a de San Martiño, e de praias, como as de Abrela, San Román, Arealonga, Xilloi, Caolín, Vidreiro ou Area Grande.

Importancia do turismo rural e de natureza

O turismo é unha parte importante da economía local do concello do Vicedo e un exemplo do tirón turístico deste municipio costeiro é o coñecido como Fuciño do Porco, que permite facer un roteiro até chegar a un fermoso acantilado sobre a ría. O Fuciño do Porto é precisamente un dos lugares que se visitarán este ano dentro dos Mércores de natureza.

Na programación sociocultural do Concello do Vicedo para este mes de xullo hai un total de 5 actividades de natureza ao longo do mes. Concretamente o 3 de xullo ás 17h será a presentación dos Mércores de natureza con táboas paddle surf e kayaks pola Abrela, o 10 de xullo ás 10h a subida do Río Sor en Kayaks saíndo desde o peirao de O Vicedo, o 17 de xullo ás 10h unha ruta de sendeirismo entre Covas e Fuciño do Porco e Folgueiro (utilizando o tren Feve para os desprazamentos de ida e volta desde O Vicedo), o 24 de xullo ás 16h a novedosa xeoruta, que percorrerá parte da costa do Vicedo, concretamente as praias de Area Grande e Xilloi, para coñecer as rochas cun pasado de máis de 470 millóns de anos, con materiais volcánicos e que se transformaron no "ollo de sapo", e finalmente o 31 de xullo unha ruta mixta de Sendeirismo e kayaks entre Xilloi e O Barqueiro (sendeirismo) e regreso (voluntario) en kayaks cruzando a ría ata Xilloi.

Tamén pegado ao mar, na parroquia de San Román, atópase o lugar coñecido como Os Moutillós, no que se atoparon restos da presenza viquinga que durante séculos axexou a costa da Mariña. Neste lugar celébrase o 27 de xullo unha romaxe viquinga con desembarco e espectáculos de recreación histórica.

Este ano será a cuarta edición da Romaxe Viquinga, cunha xornada previa o 26 a partires das 20:30h co pregón a cargo de Serxio Pazos, desfile polas rúas do Vicedo, ruta de tapas e cantos de taberna. Xa o 27 será o espectacular desembarco viquingo e batalla, obradoiros, combates, torneo cristián con cabalos, mercado de artesanía e os espectáculos nocturnos finais.

Etiquetado
Ir a la portada