Desenvolvemento rural

As organizacións agrarias manteñen o calendario de protestas tras reunirse co ministro de Agricultura

A Comisión Europea propón prorrogar a 2024 a suspensión da obriga do mantemento dun 4% de superficies non produtivas en terras de cultivo esixida na PAC. Valorará unha redución da carga administrativa no agro

Campo Galego 02/02/2024 11:00 p.m.

[caption id="attachment_222130" align="aligncenter" width="1200"] Cata de tomates no Ministerio, trala reunión entre Luis Planas e as organizacións agrarias[/caption]

O ministro de Agricultura, Luis Planas, está disposto a “seguir traballando coas organizacións agrarias e o conxunto do sector na procura de solucións para asegurar a rendibilidade e a competitividade das explotacións”.

Así llo trasladou este venres aos sindicatos agrarios Asaja, COAG e UPA, cos que mantivo un encontro. Pero as palabras do ministro non impedirán que as protestas de agricultores que nas últimas semanas se estenderon por varios países europeos cheguen tamén a España.

Os sindicatos agrarios reiteran as súas peticións e manterán o calendario de mobilizacións mentres negocian co Goberno medidas concretas. “Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas, non imos deixar de manifestarnos; non imos facer esta negociación sen a presión necesaria”, avanzou trala reunión co ministro Miguel Padilla, secretario xeral de COAG.

Ábrese un proceso de negociación dos distintos temas pero non hai cambios nas mobilizacións previstas

A nivel estatal, os sindicatos urxen a “corrixir as deficiencias da Lei da Cadea Alimentaria nun prazo brevísimo” e a “buscar solución á falta de infraestruturas e dotacións de rega para seguir producindo pesa á seca”.

Tamén a revisar as franquías dos seguros agrarios para “convertelos en ferramentas seguras” e a facer fronte aos problemas de relevo xeracional no sector. “Dentro de 10 anos, 6 de cada 10 persoas activas a día de hoxe na agricultura estarán xubiladas”, alertan.

“Asfixia normativa”

Os sindicatos agrarios esixen tamén cambios a nivel europeo e demandaron o “compromiso do Ministerio para mediar ante Bruxelas”.

“Ou se cambia a política agraria europea ou se vai destruír aos profesionais agrícolas porque se está lexislando de costas á realidade do sector”, aseguran.

Xunto co Ministerio, crearase unha mesa de traballo para tratar de flexibilizar a PAC. “Temos unha asfixia normativa e o ministro recoñeceu esa asfixia”, asegura Padilla. “Simplificar non significa deixar de cumprir, pero si facelo de maneira máis sinxela”, aclarou sen embargo Luis Planas.

O sector teme que o acordo de libre comercio con Mercosur poida provocar unha entrada masiva de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai

Asaja, COAG e UPA denuncian ao mesmo tempo a “hipocrisía da política europea, que non esixe os mesmos requisitos aos produtos que veñen de fóra” e en relación ao acordo de libre comercio con Mercosur aseguran que “pode provocar unha invasión total de carne de vacún de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai”. No sector existe tamén preocupación de cara á primavera pola enfermidade da EHE en vacún.

Mantense a bonificación ao gasóleo agrícola

Unha das medidas que os sindicatos lograron arrincar ao ministro de Agricultura, do mesmo xeito que sucedeu en países como Francia ou Alemaña, é o compromiso do mantemento das axudas fiscais ao gasóleo agrícola. Luis Planas confirmou, neste sentido, que o Goberno manterá a devolución do imposto especial de hidrocarburos esta lexislatura.

En relación á PAC, a Comisión Europea propón permitir aos agricultores da UE acollerse a derrogacións para o ano 2024 das normas da Política Agrícola Común que os obrigan a manter zonas non produtivas.

O Ministerio apoia unha transición xusta cara a un modelo sostible de produción

En concreto, a norma BCAM 8, incluída na PAC, esixe dedicar o 4% da terra cultivable a áreas ou elementos non produtivos, o que se refire a terras en barbeito pero tamén a elementos como sebes ou árbores.

A Comisión ofrece a posibilidade de que todos os agricultores da UE queden exentos deste requisito este ano mantendo o seu dereito a recibir o pago directo básico da PAC. A medida será votada nos próximos días polos Estados membros. Despois diso, a Comisión procederá á adopción formal. O Regulamento aplicarase retroactivamente a partir do 1 de xaneiro de 2024 e os Estados membros que desexen aplicar a excepción a nivel nacional deben notificalo á Comisión nun prazo de 15 días para que os agricultores poidan ser informados canto antes.

[box style="0"]

As protestas en Galicia, para despois das eleccións

[caption id="attachment_222133" align="aligncenter" width="1200"] Reunión dos conselleiros do Medio Rural e Infraestruturas, José González e Ethel Vázquez, cos sindicatos[/caption]

Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas, pecharon este venres a “unidade de acción” co obxectivo de programar un calendario de mobilizacións conxunto e unha táboa de reivindicacións na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor.

Estas organizacións entenden que “sobran motivos para a mobilización” e fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse, pero adían as protestas a despois das eleccións galegas, que terán lugar o 18 deste mes.

Os sindicatos e as cooperativas aseguran que existen “motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa”, así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, no que a agricultura e a gandería galega “non pode manterse á marxe”, pero, ao mesmo tempo, manifestan o seu rexeitamento a “mesturar” mobilizacións e citas electorais, polo que adían calquera acción ata pasar os comicios autonómicos.

A agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe das protestas pero rexeitamos mesturar mobilizacións e eleccións

A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos agrarios, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos “inasumibles” para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no gando vacún ou a flavescencia dourada da vide son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor.

A Xunta apunta cara arriba

Seguindo a mesma estratexia que está a levar nos últimos anos ante a maioría dos problemas que afectan ao sector, a Xunta estase a limitar novamente neste caso a dar a razón ás organizacións agrarias e trasladar a responsabilidade ao Ministerio e á Unión Europea á hora de dar solución aos problemas plantexados polos produtores.

Este mesmo venres o conselleiro do Medio Rural, José González, mantiña unha xuntanza coas organizacións agrarias, coas que dixo compartir a súa preocupación, e instou ao Goberno de España a actuar, do mesmo xeito que rexeitou calquera acto violento que se poida producir nas protestas.

A consellería considera “evidente” o descontento común en toda Europa porque “Bruxelas lexisla de costas“ ao sector

Engadiu que “resulta evidente que hai un descontento común a toda Europa, por algo que dende Galicia se leva moito tempo tratando de facer ver ao propio ministro Luis Planas. Isto é, que Bruxelas lexisla de costas aos agricultores e gandeiros impoñendo burocracia e esixencias de todo tipo que non respectan o papel decisivo do ámbito primario na produción de alimentos e na consecución dunha verdadeira soberanía alimentaria europea”, asegurou.

Sobre as demandas do sector primario, González trasladou que “a Xunta leva xa tempo apoiando medidas como a flexibilización, que non eliminación, dos requirimentos ambientais da PAC e a adaptación dos ecorreximes á realidade de Galicia”.

A Xunta apoia a flexibilización, "que non eliminación", dos requirimentos ambientais da PAC 

Ademais, lembrou que desde a Xunta tamén se avoga por “evitar innecesarias cargas burocráticas ás explotacións, como o Caderno Dixital”, e que o Goberno galego vén reclamando ao Ministerio o cumprimento da prohibición da venda a perdas recollida na Lei da Cadea Alimentaria, así como a necesidade de manter a bonificación ao gasóleo agrícola, entre outras cuestións.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada