Forestal

Obradoiro sobre comunidades de montes veciñais en Valdeorras

Campo Galego 27/06/2019 7:45 p.m.

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias inicia o próximo 8 de xullo un obradoiro sobre comunidades de montes veciñais que se desenvolverá no Barco de Valdeorras. O obradoiro, que leva por título ‘Gobernanza cooperativa nas comunidades de montes veciñais’, dura cinco días, en xornada de tarde (16-19 horas) e é de carácter gratuíto. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse chamando ao 981 58 47 83 ou por medios dos contactos que figuran na web de Agaca.

A actividade, que se enmarca dentro da Rede Eusumo, está orientada a persoas interesadas na xestión de montes veciñais. Ten como obxectivos impulsar o emprendemento a través do uso dos recursos agrarios das Comunidades de Montes Veciñais, ademais de favorecer o emprego xuvenil, a organización da produción e da comercialización mediante cooperativas entre os produtores e espertar o interese das persoas propietarias de terras da contorna en activalas cara a un rendemento produtivo.

As cinco xornadas previstas no obradoiro xirarán en torno ós seguintes eixos: iniciativas innovadoras na valorización dos montes veciñais no medio rural, gobernanza e organización cooperativa das CCMMVV; fiscalizade; titularidade e defensa da integridade dos montes veciñais e instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

Etiquetado
Ir a la portada