Carne

O vacún maior volve deixar cifras de récord en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra a maior asistencia do ano de vacún maior e no volume de transaccións. Por categorías, na recría e nos becerros carniceiros houbo baixadas nos prezos medios. Baixada dos prezos dos leitóns, tras semanas á alza

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 26/04/2022 9:05 p.m.

Unha semana máis, o vacún maior foi este martes o protagonista nos datos da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, marcando varios récords históricos: O primeiro, no volume de transaccións, con 656.207 euros. Ata o de agora a cifra máxima foran os 572.226 euros que se lograran o pasado 12 de abril. A segunda cifra de récord veu no prezo medio dos exemplares, ó acadar os 1.669,74 euros, despois de que a semana pasada se rexistrase xa un histórico con 1.629,29 euros.

E ó lado destes récords cómpre destacar a importante asistencia de vacún maior, a máis alta do ano, con 414 animais. Para localizar a anterior temos que desprazarnos ata o 26 de xuño de 2012, con 424 exemplares. Estando o récord en 478 animais o 5 de outubro de 2010.

Todo isto, xunto cos bos prezos medios que veñen tendo os becerros de cebo nas últimas semanas, supón outro importante récord histórico no volume total de transaccións da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, con 922.784 euros superando os 906.017 euros de hai dúas semanas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Prezos medios por seccións no vacún

Facemos unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da semana pasada rexistradas nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

No caso do vacún maior, houbo subas en case tódolos prezos medios. Así, as vacas da categoría extra acadaron os 2.116 euros, o que supón 16 euros máis que a semana pasada no prezo de referencia. Nos animais de primeira, o valor medio estivo nos 1.157 euros e converteuse nunha das excepcións da sesión, xa que representa unha baixada de 35 euros. As vacas de segunda cotizáronse a 782 euros, é dicir, 28 euros máis que a feira anterior. A única vaca de desfeito vendida nesta sesión fixou un prezo medio de 549 euros, 31 euros máis que o marcado de referencia na pasada feira. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia reduciron o seu prezo medio en 244 euros e quedan nos 2.521 euros.

Na recría a tendencia foi á baixa, aínda que nalgunhas seccións tamén se rexistraron incrementos dos prezos. Nos animais frisóns, os becerros de menos de 20 días, foron unha das excepcións, ó sumar 7 euros con respecto do prezo medio da semana anterior e acadar así os 114 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, houbo unha diferenza mínima dun euro no valor medio e atópanse nos 130 euros. Os animais frisóns de máis de 50 días descontaron 5 euros no seu prezo de referencia e quedan nos 159 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais houbo baixadas máis destacadas dos prezos. Así, os animais de entre 20 e 50 días descontaron 15 euros e quedan cun valor medio de 301 euros. Nas femias desta sección, a rebaixa foi de 7 euros e están nos 242 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, produciuse unha baixada do prezo medio de 10 euros nos machos e sitúanse nos 391 euros. Porén, as femias desta sección lograron un incremento de 12 euros. Tamén os machos máis novos, os de menos de 20 días, cotizaron á alza, cun aumento de 52 euros e sitúanse nos 276 euros. Mentres, as femias desa sección descontaron 16 euros e tiveron un prezo medio de 214 euros.

En canto ós becerros carniceiros, os animais frisóns tiveron un prezo medio de 541 euros, o que supón 126 euros menos que na feira anterior. Nos exemplares de cruce industrial, os machos rexistraron un prezo medio de 981 euros, o que amosa unha baixada de 29 euros no prezo de referencia con respecto da semana anterior. Nas femias a redución foi de 67 euros e quedan cun valor medio de 787 euros. Nos exemplares de Rubia Galega, os machos están nos 1.078 euros de media, 33 euros máis que a sesión pasada. Pola contra, as femias tamén experimentaron unha baixada, de 160 euros e sitúanse nos 835 euros. Nos animais vendidos baixo o selo da (IXP) de Ternera Gallega Suprema, o prezo medio foi de 1.046 euros, o que supón unha redución no valor de referencia de 13 euros con respecto da última feira.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Baixada dos prezos dos leitóns

Logo de varias semanas á alza, este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou unha baixada dos prezos dos leitóns, mentres o porco cebado se mantén sen cambios. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,565 e 1,540 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2 euros o quilo e os animais de descarte cotízanse entre os 0,7 e os 0,76 euros o quilo.

Os leitóns acusaron unha baixada de 3 euros. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 66 euros (cun prezo de 3,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 61 euros e teñen un prezo por quilo de 3,05 euros.

Continúa case sen cambios o mercado do ovo. Deste xeito, os ovos da categoría XL están a 2,30 euros a ducia, os da L páganse a 2,09 euros, os da M sitúanse en 1,89 euros e os da S teñen un valor de 1,66 euros a ducia. A única novidade produciuse nas galiñas de descarte, que descontaron 0,02 euros e pasan a cotizarse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada