Noticias de empresa

“O suministro de fertilizantes este ano está garantido pero os prezos son bastante inestables”

A cooperativa de segundo grao Delagro é unha das principais comercializadoras de fertilizantes en Galicia, Asturias e Cantabria. Falamos con Javier Caneda, responsable da área de Produción Vexetal , para ver como se presenta esta campaña

14/04/2023 10:51 a.m.

Tras un 2022 no que os prezos dos fertilizantes subiron até máximos históricos, esta campaña parece volver á normalidade tanto no suministro como nas cotizacións.

A piques de comezar a sementeira do millo, analizamos a situación con Javier Caneda, responsable da área de Produción Vexetal de Delagro, cooperativa de segundo grao que é unha das principais comercializadoras de fertilizantes tanto en Galicia como na cornixa cantábrica.

-Como se presenta a campaña 2023 de fertilizantes a nivel xeral?
Esta campaña 2023 preséntase moi complexa polos cambios e acontecementos que hai no mercado en canto a materias primas. Primeiro sufrimos unha forte suba de prezos no 2022, e logo a comezos deste 2023 houbo un abaratamento, sobre todo dos fertilizantes nitroxenados, polo descenso nos prezos do gas natural e do amoníaco. Polo tanto, estamos nunha auténtica montaña rusa en canto a prezos. A tendencia de inestabilidade de prezos está previsto que continúe durante a primavera deste ano.

-O pasado ano houbo dificultades para o subministro debido ao peche de varias plantas de fabricación polos elevados prezos do gas natural. Superouse este problema?
O ano pasado houbo problemas de peche de fábricas de fertilizantes e de disponibilidade dos mesmos no mercado polo forte encarecemento das materias primas, fundamentalmente o gas natural, que fixo que aos fabricantes non lles saíse rendible telas en funcionamento.

Agora ese problema xa está solventado e todas as plantas están en produción normal e non se contemplan problemas de desabastecemento. Ademáis, na loxística tamén hai un fluxo normal de mercadorías, grazas tamén a que os prezos dos fletes se abarataron.

-Como están os prezos das principais fertilizantes que se venden no mercado galego e da cornixa cantábrica?
Os prezos van acompasados aos do mercado, con certo retraso para o consumidor final. En xeral, os prezos están baixando, cunha estabilización neste momento. Estamos á expectativa de como evolucionan de cara á campaña de millo, onde se produce a maior parte do consumo de fertilizantes nesta rexión.

-No caso de Delagro, como vos estades a preparar para a campaña 2023 en canto a elaboración e venda de fertilizantes?
Delagro afronta esta campaña mirando como está a situación de materias primas, de disponibilidade e prezos de fertilizantes. Nun mercado tan inestable nas cotizacións, temos que ser prudentes en canto ás compras e ao stock. Neste sentido, imos comprando con cautela, non facendo a compra de toda a campaña a comezos de ano, como noutras épocas. Intentamos ofrecer a mellor relación calidade/prezo para os agricultores e gandeiros, e iso obríganos nun ano coma este a comprar a curto prazo aos fabricantes.

-Unha das novidades que tedes este ano no mercado é FERPLAN. En que consiste e que vantaxes lle aporta ao agricultor e gandeiro?
FERPLAN pretende realizar unha fertilización a medida de cada parcela e das necesidades de cada cultivo, cumprindo ao mesmo tempo coa nova lexislación sobre fertilización a nivel medioambiental. E todo isto priorizando que o gandeiro logre a máxima produción do seu cultivo. Creo que é unha ferramenta idónea para dar cumprimento dunha forma sinxela e práctica a todas esas necesidades.

Etiquetado
Ir a la portada