Forestal

O SLG cuestiona os cambios de criterio da Xunta nas axudas para tratamentos silvícolas

A organización agraria advirte de que as habituais correcións de erros dificultan as solicitudes por parte dos potenciais beneficiarios

Campo Galego 24/02/2017 6:37 p.m.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) cuestiona os continuos cambios que aprecia nas ordes de axudas ligadas á xestión forestal. En concreto, a organización chama a atención sobre a modificación que se introduciu a última hora nas subvencións para tratamentos silvícolas, pois entende que moitos potenciais beneficiarios quedarán fóra das axudas pola “ineficiencia da Administración”.

A liña de subvencións para tratamentos silvícolas (podas, rozas, rareos, etc.) convocouse o pasado 12 de xaneiro. Un dos condicionantes para acceder ás axudas era que os montes con superficies superiores a 25 hectáreas -principalmente montes veciñais- tiñan que contar cun proxecto de ordenación. Esa obriga deixaba fóra a moitos potenciais solicitantes, se ben o pasado 21 de febreiro, Medio Rural publicou unha corrección de erros pola que, entre outras cousas, eliminaba ese condicionante.

O prazo de solicitude das axudas remata o 16 de marzo, polo que as comunidades que agora pasan a cumprir os criterios da convocatoria, teñen ata entón para presentar a súa solicitude.

Ordenación
Por último, o SLG tamén cuestiona que nos últimos 5 anos non houbera axudas para a ordenación de montes por parte da Consellería, cando a partir do 2019 será unha condición obrigatoria para acceder a axudas. A partir do 2020, a maiores, todos os montes deberán contar cun plan de ordenación ou adherirse ós modelos silvícolas deseñados pola Consellería para poder executar cortas, segundo lembra a organización agraria nunha nota de prensa.

[box style="0"]

Fe de erros: Na información orixinal informábase por erro de que o prazo de solicitude das axudas de silvicultura remataba o 27 de febreiro. Correxiuse para precisar que conclúe o 16 de marzo.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada