Leite

O Sindicato Labrego pide unidade nas protestas do sector lácteo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 29/10/2021 7:52 p.m.

Nunha asemblea celebrada en Lugo, o Sindicato Labrego analizou o que considera situación crítica para o sector do leite, cun futuro no que se preven aínda máis e maiores subas nos custos de produción “e o imobilismo de boa parte da industria, que se nega a reflectir esas subas no prezo pagado ás granxas”.

A organización agraria decidiu establecer uns mínimos irrenunciábeis e unha folla de rota que apresentar a outros axentes do sector, para desenvolver unha estratexia de acción unitaria e constante.

O obxectivo marcado pola asemblea é rachar coa folla de prezos en que a industria se mantén instalada. Ante esta situación, o Sindicato Labrego considera que as administracións estatal e autonómica están a ser pasivas e incapaces de velar polo cumprimento da lei ou de defender a quen traballa na produción de leite.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A asemblea salientou o imperativo de construir alianzas e unidade de acción, mais asentadas no acordo previo en base a mínimos irrenunciábeis e en evitar as visións curtas que poidan criar a ilusión de que unha mobilización puntual podería resover esta problemática estrutural. A Dirección do Leite do SLG comprometeuse á elaboración da súa proposta de mínimos, coa que achegar a outras entidades esa proposta dunha liña de acción unitaria e prolongada que consiga efetivamente mudar as cousas.

Igualmente, decidiuse solicitar á Consellaría a convocatoria urxente da Mesa do Leite, ou dun grupo de traballo coas distintas partes implicadas. Realizouse a entrega por rexistro da solicitude, acompañada dunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo.

O Sindicato Labrego, por último, sinala que houbo representación da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) na súa asemblea, e nos próximos días iniciará achegamentos con outras organizacións do sector para buscar unha unidade de acción.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada