Agricultura

O Sindicato Labrego pide inspeccións laborais nos campos de arandos de Surexport

A organización agraria faise eco da denuncia pública dunha traballadora polos supostos incumprimentos que se estarían producindo na Terra Cha na campaña da recollida de froitos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 16/07/2021 9:25 p.m.

O Sindicato Labrego Galego empraza á Xunta a investigar e actuar ante os indicios de abusos denunciados públicamente nos campos de recollida de arandos da empresa Surexport. A organización agraria fíxose eco da denuncia pública realizada en redes sociais por unha traballadora, dende a súa experiencia como temporeira na Terra Chá.

Segundo indica o Sindicato Labrego, a traballadora denuncia que as xornadas laborais eran de 12 horas, así como que había un incumprimento dos salarios acordados e unhas condicións sanitarias "deplorábeis". O relato recolle un ambiente en que "as ameazas de calquera tipo eran constantes" e dirixidas, especialmente, ás persoas migrantes.

A organización agraria recolle a testemuña da traballadora na que acusa á firma de fomentar unha competitividade extrema, "coa ameaza de despedimento de non recollerse cantidades desorbitadas de arando". O Sindicato Labrego sinala que partindo dun contrato de 39 horas, a empresa presiona para facer horas extras que poden chegar a igualar as horas ordinarias dunha xornada e que, porén, son pagadas a seis euros, cando o estipulado é a doce euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Esta traballadora denuncia que “nun campo en que traballaban unha media de 300 persoas, apenas había auga corrente para asearse", e que as instalacións obrigaban a comeren "hacinados, sen distancia de seguridade nen máscara".

En base á denuncia da traballadora, “a empresa freta autocarros en que deslocaliza boa parte dese persoal de orixe migrante desde Huelva”. Nesta provincia é onde Surexport ten a súa orixe e nela ten protagonizado diversos conflitos sindicais e denuncias públicas polas condicións laborais das súas grandes extensións de invernadoiros, segundo sinala o Sindicato Labrego.

A organización precisa que a última destas polémicas aconteceu esta mesma semana, cando un traballo do portal de investigación Danwatch sobre as condicións de traballo "inhumanas, abusivas e, en moitos casos, ilegais" nos campos levou a varias cadeas de supermercados danesas a suspenderen as súas relacións comerciais con varias empresas, entre as cales se atopa Surexport.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Posta en coñecemento da Consellaría de Traballoo

Ante esta denuncia, o Sindicato Labrego Galego reclama das administracións unha actitude activa de investigación dos feitos e salvagarda dos dereitos laborais. Reclaman o cumprimento claro das condicións do contrato e a desaparición de tratos degradantes ou inhumanos. Ademais de participar da denuncia pública destes feitos, o Sindicato Labrego vén de llos facer constar a través de rexistro á Consellaría de Traballo.

“Unha situación como esta non pode ser lida como illada dun modelo, o da agroindustria e as grandes distribuidoras, volcado en dar prioridade ao lucro económico por cima de calquera outro criterio”, critican dende o Sindicato Labrego Galego.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada