Carne

O Sindicato Labrego demanda medidas de apoio para as granxas que teñan que facer un baleirado sanitario

O cálculo das perdas para a explotación que estiman desde o Sindicato é de 800 euros por cada animal sacrificado, e á vez, fan fincapé no impacto emocional que supón para os titulares das granxas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 12/03/2024 1:36 p.m.

A posibilidade dun baleirado sanitario é unha das cuestións que maior preocupación xera na meirande parte de persoas gandeiras. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estima unha perda de 800€ por cada animal sacrificado, e fai fincapé “non só na perda económica senón no impacto emocional” polo que reclaman “un maior apoio da administración nestes casos”.

“Como visibilizamos fai un mes, estamos seguindo de preto e proporcionando apoio a unha granxa do concello de Manzaneda (Ourense) que se atopa ás portas dun baleirado sanitario previsto para finais desta semana.  A calquera granxa lle pode pasar e en calquera momento, inda que se cumpran tódalas medidas hixiénico-sanitarias. No caso por exemplo da tuberculose, a doenza está aí, encapsulada, de forma latente, e unhas condicións ambientais favorables poden desencadear o seu desenvolvemento”, sinalan desde o SLG.

No caso desta granxa de Manzaneda as perdas previstas ascenderán a uns 32.000 euros, “e as axudas prometidas de reposición e lucro cesante non cobren a perda total da explotación, sendo a eliminación de todo o gando da explotación de obrigado cumprimento. É dicir, toda a ilusión e aforros dunha vida invertidos nesta explotación de vacún de carne de alto rendemento esvaeceranse nun abrir e pechar de ollos”, expresan.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

“Ao mesmo tempo, as persoas titulares das granxas deben de ocuparse elas soas de repoñer animais con cualificación sanitaria apta, volvendo a adaptar os animais novos ao manexo da granxa, e logo agardar unha media de 2 anos para ter a explotación a pleno rendemento”, detallan desde osSindicato.

Segundo a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a doenza da tuberculose bovina está totalmente controlada, cunha prevalencia do 0,1%. Neste sentido, dende o SLG  lembran que “cando se produce un destes casos, nas comunidades autónomas próximas á Galicia adoptaron dende hai tempo medidas profilácticas para as explotacións, ao considerar que era imposible erradicar a tuberculose bovina, prefirindo manter unha cualificación sanitaria inferior, e deste xeito eliminar tan só aos animais afectados e evitar a morte innecesaria dos animais sans, provocando unha perda económica menos gravosa e emocionalmente máis levadeira”.

“Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a Xunta de Galicia debería activar medidas de apoio as gandeiras e gandeiros afectados que permitan repoñer os animais sen custo para estes, e que deste xeito se recuperen o máis rápido posible evitando no posible os prexuízos causados”, reclaman.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Á súa vez, tamén reclaman “unha maior sensibilidade e empatía por parte da Administración para facerse cargo do duro que é para as gandeiras e gandeiros recibir unha notificación de baleirado sanitario, persoas que se ven soas e impotentes, coa perda de todos os animais que forman parte da familia dende hai moitos anos e que lles vai a supor unha perda económica moi importante que pode comprometer as súas vidas”.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada