Agroalimentación

O selo Galicia Calidade celebra os seus 25 anos

Arredor de 150 empresas conforman a día de hoxe o selo; xuntas suman máis do 6% do PIB galego. A marca de garantía distingue ás primeiras firmas que se sumaron a Galicia Calidade a finais dos 90, como Estrella Galicia, Coren e Jealsa - Rianxeira

Campo Galego 14/12/2022 6:54 p.m.

A marca de garantía Galicia Calidade celebrou hoxe os seus 25 anos de vida nun evento que se desenvolveu na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). O evento contou coa asistencia das 150 empresas que integran a marca, así como cunha nutrida representación do Goberno galego, encabezada polo seu presidente, Alfonso Rueda. Tamén estiveron presente tódolos directores xerentes da marca, desde os seus inicios, así como o equipo de traballo actual do selo.

Na súa intervención, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que o éxito da marca Galicia Calidade asociara para sempre a excelencia ao nome e aos produtos da Comunidade. Na gala na que se celebrou o XXV aniversario do distintivo, o titular do Goberno galego puxo en valor a traxectoria das 150 empresas que se animaron a formar parte “dunha marca esixente” e que contribuíron á singularidade e ao prestixio da Comunidade galega en todo o mundo.

“Vinte e cinco anos despois, está marca segue representado o desexo de ser excelentes e seguir triunfando”, aseverou o mandatario galego na súa intervención, na que recordou a frutífera andaina dunha iniciativa que se asentou como marca no ano 1997 co apoio do Goberno galego para amparar e potenciar a reputación da materia prima galega, a excelencia dos seus produtos e a calidade dos seus servizos.

[caption id="attachment_187796" align="aligncenter" width="660"] Directores xerentes de Galicia Calidade nos seus 25 anos.[/caption]

“Rachou tópicos e amosou unha Galicia que non se baseaba en imaxes grises nin lendas negras”, enxalzou Rueda, quen agradeceu a “aposta visionaria” que tiveron de sumarse nos seus inicios a este distintivo marcas xa nese momento amplamente recoñecidas nos mercados, como Estrella Galicia, Coren ou Jealsa – Rianxeira. As tres foron hai 25 anos as primeiras marcas en sumarse a Galicia Calidade e hoxe recibiron un distintivo por ese motivo.

Rueda tamén lembrou outras marcas que non tardarían en adherirse ao distintivo Galicia Calidade, como Cabreiroá, Mondariz, Feiraco, o Porto de Celeiro e Avícola de Galicia, que suman un mínimo de 20 anos na marca de garantía. Hoxe en día, Galicia Calidade integra a 150 empresas galegas e 750 produtos e servizos. Como resultado dese empeño, Rueda salientou que desde aquela ‘Galicia’ e ‘Calidade’ “quedaron unidas para sempre e parece que unha leva á outra”. “Quen aspire a entender o que somos non pode ignorar que Galicia leva o apelido de calidade”, sentenciou.

[caption id="attachment_187803" align="aligncenter" width="660"] Entrega de recoñecementos ás empresas que suman 20 anos no selo.[/caption]

Na celebración do XXV aniversario de Galicia Calidade, o presidente da Xunta tamén remarcou a aposta decidida do Goberno galego pola marca, tal e como considerou que queda demostrada coa inxección de case 22 millóns de euros desde o ano 2009 para conquistar a excelencia de Galicia en sectores como a moda, a conserva ou automoción.

Unha nova aposta polo sector agroalimentario
Alfonso Rueda, quen asistiu á gala acompañado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e polos conselleiros do Medio Rural e do Mar, José González e Rosa Quintana, respectivamente, subliñou que a andaina, lonxe de se interromper, ampliarase coa sección Galicia Calidade Alimentaria, que apostará por produtos recoñecidos do sector alimentario galego, “pensando sobre todo en impulsar a súa internacionalización”.

[caption id="attachment_187793" align="aligncenter" width="660"] Representantes do Goberno galego no acto.[/caption]

Ademais, tamén garantiu que a Xunta de Galicia seguirá comprometida coa calidade dos produtos agroalimentarios galegos. Así, precisou que o Goberno galego investirá preto de 5,5 millóns de euros en 2023 para dar a coñecer as bondades das 36 denominacións e indicacións xeográficas protexidas en feiras e mediante campañas ou para promover a produción de proximidade.

Para finalizar a súa intervención, o presidente da Xunta animou os galegos e galegas a celebrar os 25 anos daquela fértil semente degustando, brindando ou agasallando produtos da marca Galicia Calidade nunhas festas de Nadal nas que a Comunidade festexa “avanzar polo bo Camiño”, en referencia ao Xacobeo. Precisamente, recordou que se dá a casualidade que ambas marcas naceran case ao mesmo tempo, “pero non é casualidade que poidan empregarse como sinónimos e tarxetas de presentación en moitos lugares do mundo”, concluíu.

Etiquetado
Ir a la portada