Un informe socioeconómico elaborado pola Interprofesional Láctea (Inlac) recolle as principais cifras do sector desde o 2008 ata o 2015. A Inlac, que agrupa a industrias, cooperativas e organizacións agrarias, é un organismo que ten por misión mellorar as relacións entre as distintas partes da cadea, así como promover o consumo de productos lácteos.
Produción
- España é o séptimo país produtor de leite de vaca na UE, co 4% do total. Galicia ocupa o primeiro posto a nivel estatal, co 38,1% da produción e con máis da metade dos gandeiros. En leite de ovella, España é primeira na UE e segunda en leite de cabra, producións anecdóticas en Galicia (56 toneladas ó ano de leite de cabra e 1 tonelada de leite de ovella).
- O número de gandeiros caeu un 25% no periodo 2008-2015. Pasouse de 23.500 a 17.600.
- O número de vacas aumentou lixeiramente no último ano que recolle o informe. En xaneiro do 2014 había 854.000 reses e un ano despois eran 867.000.
- A media de vacas por explotación en España é de 40 vacas, se ben na Cornisa Cantábrica as cifras son menores: Galicia ten unha media de 31 vacas por granxa, Asturias 29 e Cantabria 25. Castilla y León, outra das grandes comunidades produtoras, chega ós 62 animais de media.
Mercado lácteo
- A balanza comercial de leite e derivados lácteos continúa sendo deficitaria en España, se ben o último ano, tras a eliminación das cotas, rexistrouse unha redución do déficit. En canto ás importacións, por valor destacan iogures e queixos. En canto a exportacións, aumentaron nos últimos anos as de queixos e nata. Tamén houbo incrementos en iogur e leite en po.
- Hai máis de 1.500 industrias lácteas en España, pero as 15 primeiras xestionan máis do 60% da produción.
Consumo
- O consumo de leite e derivados lácteos amosa unha tendencia descendente, se ben no último ano as cifras mantivéronse equilibradas. Baixou un 0,5% o consumo de leite líquido pero os derivados lácteos subiron un 1%.
- Nos últimos cinco anos, o consumo de leite líquido baixou un 4,3%. A caída do consumo céntrase no leite enteiro, en tanto semidesnatado e desnatado soben lixeiramente.
- O consumo medio en España sitúase nos 73 litros de leite líquido e nos 35 quilos de derivados lácteos (15 quilos de iogures e 7,8 de queixos como principais produtos).
Máis información
- Informe completo da Inlac.