Leite

O sector gandeiro únese para denunciar a discriminación da industria ás pequenas ganderías de leite

As organizacións agrarias e cooperativas únense para que a Xunta e o Ministerio investiguen e sancionen ás industrias lácteas que presentan contratos por debaixo dos 0,40 euros, unha situación que afecta especialmente ás pequenas ganderías con producións por debaixo dos 200.000 litros anuais

Loading ad.
Ad could not be loaded.
David Glez. Eirexas 03/03/2022 6:25 p.m.

As organizacións agrarias galegas e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias únense para recoller información dos contratos lácteos das industrias que lle paguen ás granxas de vacún por debaixo do que costa producir o leite, unha situación que afecta especialmente ás pequenas ganderías. Estas denuncias, de carácter anónimo para os produtores, serán investigadas pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura e poderían derivar en sancións ás industrias lácteas por incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria.

Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa en Santiago os representantes das entidades que participan nesta iniciativa: as organizacións Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega (FRUGA), a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).

Contratos de entre 6 e 7 céntimos por litro menos para as pequenas granxas

“Neste momento as industrias lácteas estanlle ofrecendo contratos de entre 6 e 7 céntimos por debaixo dos custos de produción, estimados pola propia Xunta en 0,40 euros o litros, ás ganderías pequenas e medianas, cunhas entregas anuais de menos de 200.000 litros, o que é claramente discriminatorio e incumpre a Lei da Cadea Alimentaria, que prohíbe claramente a venda a perdas”, denunciou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Como mostra da gravidade da situación, das pouco máis de 6.100 ganderías de vacún de leite que quedan en Galicia, o 49%, é dicir, algo máis de 3000, entregan menos de 200.000 litros ao ano e vense penalizadas pola industria polo seu pequeno tamaño. Unha situación que agrava a crise xeral que padece o sector debido ao incremento dos pensos, electricidade, gasóleo ou fertilizantes.

Esta discriminación no prezo segundo o tamaño da explotación confírmase cos datos de prezos de xaneiro publicados polo Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA): o prezo base pagado polas industrias variou máis de 5 céntimos entre as ganderías segundo o seu tamaño: de 0,3148 euros o litro para as máis pequenas a 0,3663 euros o litro para as de maior tamaño.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Neste sentido a elección do momento para esta iniciativa do sector gandeiro non é casual: Neste mes de marzo renóvanse arredor dun 80% dos contratos lácteos en Galicia e coa última reforma da Lei da Cadea Alimentaria as denuncias poden ser anónimas e realizarse un seguimento de todo o proceso do expediente.

"As ganderías que denuncian a título individual o incumprimento dos contratos por parte das industrias normalmente non acaban ben e sofren represalias. Coa nova Lei de Cadea as denuncias poden ser presentadas polas organizacións do sector, co cal hai anonimato, e ademáis a administración ten que informar de como vai o proceso de instrucción", destacou Ana Rodríguez, viceresponsábel do sector lácteo no Sindicato Labrego.

"Non pode ser -engadiu- que se lle estea permitindo a industria que reestructure o sector lácteo abocando ao peche ás granxas pequenas e medianas, ao castigalas cun prezo do leite bastante menor que o das explotacións grandes".

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Ademáis, coa reforma da Lei de Cadea as Comunidades Autónomas tamén poderán realizar a investigación dos posibles fraudes por contratos con prezos por debaixo dos custos de produción. Neste sentido, o representante de Unións Agrarias lembrou que “temos o compromiso da Consellería do Medio Rural de que ao longo do mes de marzo publicarán a normativa para crear o Observatorio Galego do Sector Lácteo, que será o instrumento legal para aplicar en Galicia a Lei de Cadea”. Unha vez realizada a investigación, e se a industria non resolve as ilegalidades no contrato, será o Ministerio de Agricultura, a través da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), a que impoña á industria a sanción correspondente. Todos esperan que co novo prodecemento as aplicación de sancións sexa moito máis rápida e efectiva que ata o de agora.

Para lograr este obxectivo, as organizacións agrarias e cooperativas realizarán unha recollida de información entre os contratos que as industrias lle presentan ás ganderías e presentarán unha denuncia conxunta daquelas que ofrezan aos produtores contratos por debaixo dos custos de produción.

Outras reclamacións: Recuperación da Mesa do Leite

Outra reclamación que saiu da reunión do grupo de traballo creado esta mañá foi a reclamación á Xunta de Galicia de recuperar unha mesa permanente de interlocución na que estean presentes produtores, industrias lácteas e distribución.

“A Xunta ten que volver convocar a Mesa do Leite, que non se reúne dende o ano 2009, para analizar a evolución dos custos de produción e que os gandeiros perciban no prezo ese incremento que si lle trasladou a industria á distribución e esta aos consumidores”, defendeu Elías Somoza, responsable do sector lácteo na Federación Rural Galega.

Por último, Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia, defendeu tamén a creación dunha AICA galega, con capacidade de supervisión e inspección a nivel autonómico, ligada a un Observatorio Galego do Leite, “que determine de xeito obxectivo e imparcial os custos de produción”.

[box style="0"]

Medio Rural asegura que “estamos en liña coas demandas dos gandeiros”

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural asegura que “estamos en liña coas demandas dos gandeiros e dos seus representantes e por iso, por suposto, poremos en marcha as actuacións que sexan necesarias para que se cumpra a Lei da Caea Alimentario, e farémolo mesmo sen agardar a ter formalmente constituída a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia”.

Ademáis, dende o departamento que dirixe José González, demándanlle ao Ministerio de Agricultura que “actúe dunha vez para solucionar os problemas do sector, que derivan dunha situación xeneralizada de venda a perdas provocada polo incremento dos custos de produción”.

“Reiteramos -engaden- ao Ministerio que promova un gran acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia, de 4 céntimos por litro durante todo o 2022, que garanta a viabilidade do sector”. Esta medida foi desbotada polo Goberno Central ao considerar que vai en contra da lexislación europea de libre competencia.

Igualmente, dende a Xunta critican que o Ministerio de Agricultura non tivese en conta as súas propostas como que se recoñecese a aplicación informática Conta Láctea como medio de proba do custo efectivo de produción.

En todo caso, dende a Consellería do Medio Rural aseguran que “nós seguiremos traballando, coas ferramentas que temos a man, entre elas a lei de cadea alimentaria, a prol do sector en xeral e nomeadamente do elo máis fráxil, que é o dos gandeiros”.

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada