Así se desprende do “Informe COVID - Comercio Exterior, situación do sector agroalimentario e pesqueiro”, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que analiza o efecto da pandemia neste sector durante os meses posteriores á primeira declaración do estado de alarma, entre os meses de abril a decembro de 2020, e a súa comparativa co mesmo período do ano anterior, utilizando os datos dispoñibles.
O sector primario arroxa unha balanza comercial positiva de 13.949 millóns de euros
O incremento das exportacións agroalimentarias contrasta cos datos de exportacións do conxunto de todos os sectores da economía nese mesmo período, que se situaron en 192.727 millóns de euros, cunha diminución de 11,8 % en relación co ano anterior.
Pola súa banda, as importacións do sector agroalimentario, pesqueiro e forestal diminuíron un 8 %, e pasan de 29.418 millóns de euros a 27.048 millóns. O saldo resultante increméntase un 33 %, até a cifra de 13.949 millóns.
O gráfico anterior compara o comportamento das exportacións desde abril a decembro de 2020, entre o total dos sectores económicos e o sector agroalimentario, pesqueiro e forestal. Os datos evidencian que a economía total viuse máis afectada o efecto da pandemia que o sector agroalimentario.
A exportación de carnes rexistra un incremento do 12% e case 700 millóns de euros máis
Os grupos que experimentan maiores subidas son os de “Pensos” (+21 %), “Carnes” (+12,2 %) “Preparacións de carne e peixe” (+11,9 %) e “Cereais” (10,3 %). En termos económicos, o maior aumento corresponde a “Carnes”, con preto de 700 millóns de euros de diferenza respecto ao mesmo período do ano anterior.
Os principais grupos exportadores foron “Froitas e froitos secos”, seguido de “Carnes”, “Hortalizas e legumes”, “Bebidas” e “Aceites e graxas”, grupos que coinciden no mesmo orde de prevalencia que durante o mesmo período do ano 2019.
Mentres, as importacións reducíronse en todos os grupos, excepto en “Aceites e graxas”, que se incrementaron un 16,5 % e “Pensos”, cunha subida do 5,8 %.
Nas seguintes táboas recóllese o ranking dos 10 principais produtos exportados e importados durante o período de referencia. Non se observan grandes cambios nas clasificacións, aínda que destaca o incremento en case 600 millóns de euros nas exportacións de carne de porcino e a redución en máis de 200 millóns nas importacións de moluscos e millo.