"Descubre o que os cogomelos poden facer por ti". Con este lema naceu hai 18 anos Hifas da Terra, unha empresa de biotecnoloxía especializada no mundo da micoloxía. Hoxe é unha empresa de referencia para o sector que emprega a 50 traballadores na parroquia pontevedresa de Bora.
Contan cunha ampla colección de fungos que cultivan de xeito ecolóxico, sen pesticidas nin tranxénicos e co máximo respecto á natureza. A partir deles lograron desenvolver unha ampla gama de produtos alimentarios, terapéuticos, cosméticos e forestais cun mercado consolidado en varios países europeos e en constante expansión internacional.
Hifas da Terra ven de recibir o Premio Alimentos de España 2017 á mellor produción ecolóxica. Esteban Sinde Stompel, un dos cofundadores e director de planificación estratéxica desta empresa pontevedresa fálanos do futuro de Hifas da Terra e das potencialidades da produción de cogumelos en Galicia.
¿Que supón para vos ter recibido o premio Alimentos de España 2016 á produción ecolóxica?
Este premio vén recoñecer os anos de traballo dende a creación do proxecto e todas as decisións tomadas no día a día que nos fixeron medrar no eido da investigación e na procura de novas solucións sostibles baseadas en fungos para o coidado da saúde e a conservación da nosa paisaxe. Este premio é un orgullo e tamén reafirma a viabilidade de proxectos científicos con marca galega.
¿Cal foi a clave para despois de 18 anos chegar a onde estades neste momento no mercado?
A investigación é a clave. A aposta de Hifas da Terra pola investigación en micoloxía aplicada nos eidos nos que os fungos teñen moito que aportar. Falamos da saúde e da biorremediación, ámbitos nos que baseamos os nosos proxectos a día de hoxe e nos que xa temos resultados que auguran un maior recoñecemento dos fungos como recurso de gran valor.
Sobre esa base científica artellamos o proxecto que logo se complementa con outros departamentos que tamén son fundamentais para que a día de hoxe poidamos ter presenza internacional e dispoñamos dun catálogo completo de produtos elaborados con cogumelos.
Neste momento, ¿Cales son as vosas principais liñas de negocio e as principais cifras da empresa ?
As liñas de nutracéuticos e o viveiro de planta micorrizada son as principais liñas de negocio de Hifas da Terra. Agora mesmo contamos cun equipo duns 50 traballadores e que, sumando colaboracións externas e internacionais, pode chegar ós 70.
O valor da marca ronda os 10 millóns de euros e adicamos o 20% da nosa facturación a I+D. Aínda que o noso principal mercado é España, o 40% da nosa facturación vén da presenza en mercados internacionais como Italia, Francia, Reino Unido, Portugal, Perú, Croacia…
“O 40% da nosa facturación xa está fóra de España”
¿Que potencial teñen os bosques galegos para a produción de fungos? ¿Estase desaproveitando coa expansión dos bosques de eucaliptos a costa das carballeiras?
O potencial dos bosques galegos para a produción de cogumelos pode ser determinante na recuperación do rural. Tendo en conta que as plantacións de castiñeiros micorrizados con Boletus edulis producen 3.000 kg de castaña e 250 kg de Boletus por hectárea; simplemente co 5% do territorio adicado á produción de castaña e cogumelos, a facturación anual en primeira venda ascendería a 210 millóns de euros. O seu valor en transformación podería ser máis do dobre.
Se unimos isto á produción dos piñeiros micorrizados con níscalo e boletus (que acadan en torno ós 250 kg por ha anuais) e as producións de carballeiras e bidueiras en boletus, cantarelas e trompetas, estas actividades darían emprego temporal a milleiros de persoas, podendo supor un pulo fundamental para as economías rurais.
O eucalipto en si non é o problema, existen miles de hectáreas de monte aptas para esta especie, que xera moito emprego na nosa comunidade e que tamén é un importante motor de riqueza. O problema real é a ordenación territorial. Non pode ser que se planten eucaliptos en terreos agrícolas e a carón dos núcleos de poboación.
Fai falta un pacto de estado para regular o emprego das diferentes especies forestais, sancionando a todos aqueles que empreguen especies forestais en terreos agrícolas. É unha medida imprescindible para previr os lumes e unha das bases para a recuperación da economía agrícola.
“Só co 5% do territorio adicado a castaña e cogumelos, a facturación anual en primeira venda ascendería a 210 millóns”
¿Estades notando o efecto do cambio climático nas vosas producións?
O cambio climático nótase especialmente nas fortes secas do verán, que son prexudiciais para as plantacións de árbores micorrizadas, onde hai anos que provoca importantes mortalidades. No referente ó cultivo, por sorte temos sistemas de irrigación programados para manter unha boa condición de humidade. Estes sistemas de rego deberían estenderse ó monte, para evitar as importantes marras estivais que existen nalgunhas novas plantacións.
¿Pódese falar de que hai un mercado emerxente para a produción de fungos? ¿Cales son as especies máis demandadas?
Os cogumelos seguen aumentando o seu consumo e coa tendencia ao consumo de alimentos sáns a previsión de mercado continúa en ascenso. O champiñón sigue sendo a especie dominante (polo seu baixo prezo), seguida moi de lonxe polo Pleurotus. Sen embargo, o shiitake e a seta de cardo xa se fixeron un importante oco no mercado e está aumentando moito a súa demanda, pola mellor calidade organoléptica.
Das especies silvestres, o boletus e o níscalo (Lactarius deliciosus) son as dúas raiñas, pero tamén hai un mercado crecente para os Cantharellus, trompetas, lingua de ovella ou tricholomas. Sen dúbida, a trufa sigue sendo a especie máis potente en facturación, aínda que cada vez é máis escasa.
Unha importante liña de traballo de Hifas da Terra é vincular micoloxía e saúde humana. ¿Cales son as principais aplicacións medicinais dos fungos e en que liñas de traballo vos estades a centrar?
Realmente os fungos medicinais teñen aplicación en case tódolos campos da saúde. Existen máis dun millón e medio de especies de fungos e polo de agora só traballamos coas 20 especies de cogumelos máis coñecidas. Dentro destas, hai varias liñas de investigación abertas na empresa:
-Investigación oncolóxica: na que temos aberto un proxecto nacional (FungitechOnco), con centros biomédicos (Inibic) e empresas de produción biotecnolóxica, para conseguir cepas melloradas de fungos con aplicacións na loita contra as enfermidades coma o cancro. Tamén temos pendentes dous ensaios clínicos, un no que xa pasamos o comité ético de 14 hospitais a nivel nacional, no que se vincula algún dos máis importantes servizos de oncoloxía do país.
“Os fungos medicinais teñen aplicación en case tódolos campos da saúde”
-Investigación neurodexenerativa: con proxectos de investigación para loitar contra o alzhéimer e con colaboración activa con asociacións para o soporte do paciente como AFAPO.
-Investigación en síndrome metabólica: cun proxecto de colaboración entre varias empresas e centros de investigación, no desenvolvemento de nutracéuticos para combater as claves desta patoloxía tan extendida na nosa sociedade, como o colesterol, diabetes, obesidade… na que moitos cogumelos teñen unha acción directa científicamente demostrada.
Tamén temos feito colaboracións puntuais en enfermidades autoinmunes, problemas cardiovasculares… Na nosa consulta de micoterapia (libre e aberta ó público) levamos rexistrados varios miles de casos de pacientes tratados con éxito con produtos micoterapéuticos nas patoloxías máis variadas.
A venda de árbores micorrizadas é outra das vosas especialidades. ¿Explica en que consiste e que garantías ofrece?
Cando plantamos árbores micorrizadas conseguimos que os castiñeiros, piñeiros ou carballos nos dean cogumelos con gran valor como os Boletus, níscalos ou as trufas. O ingreso pola venda destes cogumelos a veces pode chegar a superar o valor da propia madeira.
No mundo forestal e agrícola non hai garantías de nada, ninguén pode asegurar que un eucalipto vaia dar X toneladas de madeira ou que unha maceira vai dar X kg de mazás. Pero nós temos moitas plantacións de castiñeiro producindo 200 kg de Boletus edulis e 2.000 kg de castaña con só 8 anos; así como plantacións de piñeiro micorrizado que con 8 anos xa producen 200 kg de níscalo. Dependendo do lugar, o marco de plantación e os coidados das árbores estas producións poden variar substancialmente.
A innovación xoga un papel fundamental na nosa empresa. ¿Cales son as principais liñas nas que traballades?
Realmente a nosa empresa ten o seu cerne no I+D+i. Pero no noso caso o i pequeno é o máis grande. Cada liña de investigación desenvolta ten o obxectivo de crear unha gama de produtos. Así, na investigación oncolóxica creouse a liña MOC (Mico-Onco Care), con extractos de cepas melloradas de fungos para a súa aplicación en adxuvancia ós tratamento de quimioterapia e radioterapia.
En investigación neurodexenerativa produtos como Mico-Leo e Mico-Rei foron desenvoltos para recuperar a síntese neuronal e a produción de mielina, estimulando o NGF (Nerve Growth Factor).
Respecto á investigación en síndrome metabólica algúns dos nutracéuticos como Bio-Intestin, Mico-Mix ou Mico-Shii están demostrando resultados moi relevantes para axudar no combate do colesterol, a diabetes ou a obesidade.
“Realmente a nosa empresa ten o seu cerne no I+D+i”
No referente a produtos alimenticios creamos os primeiros chocolates con cogumelos do mundo, mel con cogumelos, marmelos… e fomos os pioneiros no desenvolvemento de cremas e serums cosméticos con cogumelos, mesmo cunha gama cosmecéutica para pacientes suxeitos a tratamentos oncolóxicos.
Ademais da liña de saúde, no tocante ó medio ambiente, seguimos innovando mediante a produción de árbores micorrizadas de diferentes especies, como os castiñeiros de froito, carballos e bidueiros con boletus, piñeiros con níscalo, aciñeiras con trufa, etc.
Estas plantas, ademais de empregarse por moitos propietarios en plantacións innovadoras, tamén se están plantando para restauración de minas e áreas contaminadas, en combinación cun substrato innovador de descontaminación a base de fungos (Micotecnosol).
En cultivo de novas especies de cogumelos tamén seguimos innovando indefinidamente e estamos en constante desenvolvemento de produtos que melloren a rendibilidade e funcionalidade dos cultivos micolóxicos.
[Best_Wordpress_Gallery id="153" gal_title="Hifas da Terra"]
¿Cales son as previsións de crecemento ou estratexia de futuro de Hifas da Terra para os próximos anos?
Hifas da Terra prevé un crecemento entre un 10-20% anual, que máis ou menos vimos mantendo nos últimos anos. A nosa estratexia pasa por fortalecer tódalas nosas liñas de negocio, dende o cultivo, a produción de árbores micorrizados, o desenvolvemento de produtos alimenticios a base de cogumelos, a produción de cosméticos, a liña de nutracéuticos e o desenvolvemento de produtos de oncoloxía.
Cada unha destas liñas funciona como unidades de negocio independentes estanse a desenvolver grazas ao enorme recurso de persoal de alta cualificación existente na nosa empresa. Temos máis de 60 empregados e máis da metade teñen titulacións superiores, sendo moitos deles doutores en bioloxía, bioquímica, enxeñería forestal, farmacia ou medicina. Sen dúbida, o potencial humano de Galicia é a clave da nosa estratexia futura.
“Hifas da Terra prevé un crecemento entre un 10-20% anual”
Para aquelas persoas interesadas na produción de fungos a escala comercial e dun xeito profesional, ¿Que lle recomendariades?
O cultivo de cogumelos medrou moito nos últimos anos e as explotacións cada vez se fan máis grandes e competitivas. Pero moitos cultivadores pequenos seguen comezando para abastecer un mercado local ou como autoconsumo dun local de hostalería ou de turismo rural, complementando así o recente micoturismo. Hai que facer moi ben os números e ser flexible para adaptarse ós cambios cada vez máis habituais do mercado. Nós por iso seguimos innovando no cultivo de novas especies de cogumelos para crear produtos de maior rendibilidade.