Leite

O mercado do leite europeo consolida a tendencia de recuperación

O Ministerio de Agricultura subliña que o bo comportamento dos prezos do leite e das materias primas a nivel europeo “constitúen sinais positivas para a evolución do prezo percibido polos gandeiros españois”

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 18/01/2019 7:30 p.m.

Tódolos indicadores de mercado das últimas semanas confirman unha tendencia de recuperación do mercado lácteo a nivel europeo, ata o punto de que o Ministerio de Agricultura valora que “a recuperación do equilibrio entre oferta e demanda, e o bo comportamento dos prezos do leite e das materias primas a nivel europeo constitúen sinais positivas para a evolución do prezo percibido polos produtores españois”.

O último dato consolidado de prezos do leite en Europa, o de novembro, foi de 36,06 céntimos de media, culminándose así un ascenso progresivo de 4 céntimos desde o mes de maio. No mercado de produtos lácteos industriais, a manteiga continúa en bos prezos (449 euros /100 quilos), incluso superiores ós de hai un ano, e a maior mellora nas últimas semanas rexistrouse no leite en po desnatado, que encareceuse por riba do prezo de intervención, tras todo un ano por baixo.

O leite en po encareceuse máis dun 10% na última poxa de Fonterra, en tanto en Europa xa repuntou por riba dos prezos de intervención

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O leite en po sitúase na actualidade en 179 euros / 100 Kg., polos 140 euros de hai ano. Outro dato a ter en conta é que a Comisión Europea estase desprendendo progresivamente de todo o leite en po almacenado durante a crise láctea. Na última licitación de venda, liberáronse 80.000 toneladas almacenadas, o que revela boas perspectivas de mercado.

De feito, o Global Dairy Trade, o sistema internacional de poxa de produtos lácteos impulsado pola neozelandesa Fonterra, pechou a súa última sesión cun encarecemento do leite en po desnatado por riba do 10%, en tanto o índice xeral da subasta subiu un 4%. As últimas catro subastas quincenais de Fonterra saldáronse cun aumento medio das cotizacións, cambiando a tendencia á baixa que viñan experimentando os prezos das poxas no segundo semestre do 2018.

As exportacións da Unión Europea continúan tamén a bo ritmo, mellorando no mes de novembro, e espérase que o ano remate cun récord de vendas ó exterior de leite en po desnatado e de queixos. Un dos principais mercados de exportación, China, amosou un comportamento excepcional no 2018, con incrementos das compras en tódalas categorías de produtos, nalgúns casos con dobles díxitos de crecemento.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Consumo e prezos ó público en España
A boa situación dos indicadores internacionais complétase coa boa situación interna, pois hai unha tendencia de suba dos prezos no campo, acompañada de bos números de vendas e de prezos nas cadeas de distribución. O Ministerio destaca que tras moitos anos de baixada do consumo, esta campaña o consumo de leite líquido aumentou en España no periodo xaneiro-novembro, cun consumo medio de 6 litros por persoa e mes.

Os prezos medios na distribución manteñen ademais unha estabilidade nos últimos meses, segundo o Ministerio, que sinala que a maior parte das vendas sitúase por riba dos 60 céntimos, en tanto un 35% está no arco 55-60 céntimos e a penas se detectaron situacións de banalización por baixo deses prezos.

Etiquetaxe da orixe
Para o próximo martes 22 de xaneiro, entrará en vigor a etiquetaxe obrigatoria da orixe dos lácteos, unha cuestión que desde o sector se espera como un revulsivo para incrementar o consumo da produción española de leite, reducindo as importacións.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Desde a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), emitiron hoxe un comunicado sinalando que agardan que a nova etiquetaxe contribúa a que os consumidores aposten polos produtos que xeran maior valor no territorio, “e que permitan que as futuras xeracións de gandeiros continúen coidando a nosa contorna rural”.

Negociación de contratos
O escenario xeral do sector lácteo preséntase, por tanto, positivo para os próximos meses, no que industrias e produtores terán que renegociar os novos contratos do leite, que se renovan maioritariamente a 1 de abril.

Nos primeiros días de febreiro, publicarase previsiblemente o decreto que reforma as organizacións de produtores (OPs), dotándoas de maior poder nas negociacións coas industrias. Desde Ulega, a principal OP de Galicia, impulsada por Unións Agrarias, agárdase encetar un proceso de negociación coas industrias unha vez saia publicado o decreto.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada