Viña

“O mercado descoñece un gran atractivo do Ribeiro, a uva treixadura”

Ferran Centelles, que foi sumiller do restaurante El Bulli durante 13 anos, realizou unha cata a cegas de máis de 70 viños brancos e tintos da denominación. Considera que a calidade media dos seus brancos é das máis elevadas de España

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 05/08/2016 11:07 a.m.

Un dos catadores máis reputados en España, Ferran Centelles, que foi sumiller durante 13 anos do restaurante El Bulli, visitou por primeira vez a Denominación de Orixe (DO) Ribeiro para coñecer os seus viñedos e adegas e para realizar unha cata a cegas dos seus viños. Tras a cata, Centelles destacou que "a calidade media dos viños brancos do Ribeiro é das máis elevadas de España". Tamén subliñou o potencial da uva treixadura, unha das variedades autóctonas da DO.

A visita de Ferran Centelles, agora delegado en España da crítica de viños británica Jancis Robinson, tivo o seu punto culminante na cata que se desenvolveu na sede do Consello Regulador da DO Ribeiro, na que puido degustar a cegas máis de 70 viños brancos e tintos. A súa conclusión: "A calidade media dos viños brancos do Ribeiro é unha das máis elevadas de España" -asegurou-. "Hoxe en día, todas as rexións vitícolas do mundo buscan a súa propia singularidade, pero o Ribeiro xa a ten", destacou en declaracións transmitidas polo Consello Regulador en nota de prensa.

"Todas as rexións vitivinícolas do mundo buscan a súa singularidade, pero o Ribeiro xa a ten" (Ferran Centelles)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Na súa visita polo territorio do Ribeiro e polos seus distintos vales, conformados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, Centelles amosouse sorprendido de que na Denominación, ata as adegas consideradas grandes son en realidade "pequenas e singulares". O crítico tamén considerou dun "valor incalculable" as microadegas habituais na comarca.

En relación ás variedades autóctonas de uva cultivadas na DO, Ferran Centelles subliñou o potencial da treixadura: "O mercado aínda non sabe que un dos grandes atractivos da denominación de orixe Ribeiro é a uva treixadura", valorou.

Robinson
Desde fai tres anos, Ferran Centelles cata e escribe sobre viños españois para a británica Jancis Robinson. Considerada como unha das persoas máis influintes na escena vitivinícola do mundo, Robinson é Master of Wine, crítica de viños e autora de numerosos libros sobre enoloxía, viticultura e cata de viños desde hai máis de 40 anos. O seu portal de viños é unha referencia mundial de consulta para catadores, distribuidores, restauración, produtores, importadores e consumidor final.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada