Leite

O leite vendido a menos de 60 céntimos aumentou un 50% desde o Acordo Lácteo

Mantéñense baixo control as vendas a menos de 55 céntimos e mellora a identificación da orixe na etiquetaxe, que está presente en algo máis da metade do leite comercializado

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 23/05/2018 7:14 p.m.

O Acordo Lácteo, asinado en setembro do 2015 tras intensas mobilizacións gandeiras, comezou cunha declaración de bos propósitos por parte de industrias e distribución, pero parte dos compromisos fóronse diluíndo co paso dos meses. Se en novembro do 2015, un par de meses despois da sinatura do Acordo, só un 23,8 % do leite se vendía no supermercado a menos de 60 céntimos, no outono pasado a cifra era do 36,8%.

Os compromisos de revalorización do leite no supermercado tamén se plasmaran no 2015 na baixada das ofertas de leite a menos de 55 céntimos, que volveron repuntar nos últimos meses, aínda que sen chegar a niveis de campañas previas ó 2015.

Para as promocións a prezos excesivamente baixos, a Interprofesional Láctea puxo en marcha conxuntamente coas cadeas da distribución un protocolo de resolución de incidencias. Desde o Ministerio de Agricultura sinalan que o protocolo se activou en 24 ocasións ao longo do 2017, obténdose sempre resposta das cadeas de distribución ás incidencias presentadas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Posturas
As cadeas de supermercados teñen argumentado que a progresiva baixada de consumo de leite líquido obriga a manter prezos competitivos nos puntos de venda. Desde a perspectiva do sector agrario, esa baixada no consumo de leite líquido, que foi dun 0,9% no periodo setembro 2016 – setembro 2017, non xustifica a baixada de prezos, pois entenden que contribúe a desprestixiar o produto. Destacan ademais as organizacións agrarias que hai outros derivados lácteos con aumentos de consumo, o que compensa en parte a caída do leite envasado.

Orixe do leite
Outro apartado que se trataba de mellorar co Acordo Lácteo é o da identificación da orixe do leite na etiquetaxe. Se cando se asinou o acordo, máis do 70% do leite non incluía referencias á orixe, na actualidade esa porcentaxe baixou ó 48%, en boa medida porque as industrias xa se están anticipando á normativa de etiquetaxe obrigatoria da orixe que ultima o Ministerio de Agricultura. As previsións apuntan a que o decreto sairá publicado nas próximas semanas.

Por parte do Ministerio de Agricultura, valórase en positivo a marcha do Acordo Lácteo e destácase que desde setembro do 2015 houbo 13 reunións entre gandeiros, industrias lácteas e cadeas de distribución con presenza do Ministerio, creándose así un foro estable onde abordar as diferenzas entre as partes.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada